
Ponteareas | Ponteareas continúa avanzando cara a un Corpus cada vez con máis participación e inclusión, gracias á inauguración da decoración colgante do “Corpus Inclusivo”, unha intervención artística situada na baixada de San Gregorio realizada polas persoas usuarias de Adapta, Avelaíña e polas persoas residentes no centro A Casa da Porteliña, xestionado pola asociación Dar Máis, xunto á colaboración da Asociación de Alfombristas de Ponteareas.
A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, acompañada pola concelleira de Benestar Social, Raquel Plana, polo tenente de alcaldesa, Juan Carlos González, e outros membros do goberno e da corporación e polo xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez Muíños, participou no acto de apertura desta mostra que poderá visitarse durante os días grandes da celebración do Corpus Christi, na que destacan motivos de tiras de cor verde e paraugas en color rosa fucsia, en clara alusión ao apoio da loita contra o cancro de mama.
A iniciativa, promovida en colaboración coa Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas, converte unha vez máis a inclusión nun elemento visible da festa, permitindo que colectivos sociais participen activamente na construción dunha das celebracións máis importantes da vila.
Durante o acto, o presidente da Asociación de Alfombristas, Miguel García, destacou que “a inclusión non é só unha palabra, senón unha realidade que se fai visible cando cada persoa ten a oportunidade de aportar o mellor de si mesma. Este adorno colgante é moito máis que un elemento decorativo. É un símbolo de convivencia, de esforzo compartido e de orgullo colectivo”.
Pola súa banda, a presidenta de Adapta, Montserrat Cuevas, indicou que “a inclusión significa que as persoas con discapacidade teñan acceso aos mesmos espazos, servizos e dereitos de oportunidades. Os espazos accesibles son fundamentais para lograr unha sociedade inclusiva. Seguiremos traballando e loitando para que nos teñan en conta, porque sen accesibilidade, a participación plena non é posible”.
O xerente de Avelaíña, Rafael Álvarez, puxo en salientou que “hoxe é un dia moi especial. Trasladarvos as grazas á Asociación de Alfombristas por meter nas alfombras ese novo aroma de inclusión, non só co adorno colgante, senón coas actividades durante todo o ano, porque as persoas, teñan o que teñan e pasen o que pasen son persoas e cidadáns”.
Na mesma liña pronunciouse Mari Anxéles Babarro, vicepresidenta da asociación Dar Máis, que agradeceu “ao Concello por estes actos emotivos e por darlle visibilidade á nosa xente. Sabemos que é moi Importante cultivar as tradicións e desde a Casa da Porteliña intentaremos sempre colaborar co concello e as súas tradicións” facendo fincapé “no importante de mirar para o futuro, pero tamén para o pasado. En Ponteareas é moi importante o corpus, e sabémolo”.
Pola súa banda, o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez Muíños, felicitou ás entidades participantes e ao Concello pola posta en marcha dunha iniciativa que exemplifica o valor da inclusión real e da participación activa das persoas na vida comunitaria. “Esta é unha iniciativa preciosa porque pon en valor o que é unha tradición extraordinaria de Ponteareas. Para que sexa grande esta festa ten que ser inclusiva e que faga participe a todas as persoas. É ademais, preciosa esteticamente e o traballo diario de sentirse que forman parte desta festa. Parabéns por esta iniciativa, porque é un exemplo de inclusión. E estes actos fan mais grande ao Corpus de Ponteareas”.
A alcaldesa destacou durante a súa intervención que “esta decoración ten un significado especial porque non é só un conxunto de elementos que adornan as nosas rúas, senón unha mostra de participación, de esforzo compartido e, sobre todo, de inclusión. O Corpus é unha festa construída por moitas mans e debe seguir sendo unha celebración aberta na que todas as persoas poidan participar, crear e sentirse parte dela”.
Tras as intervencións realizouse o tradicional corte de cinta coa participación das entidades colaboradoras e das autoridades presentes, seguido dunha fotografía de familia e dunha actuación musical a cargo de Leire Campo, alumna de violonchelo do Conservatorio Profesional Reveriano Soutullo, e do profesor de piano, Samuel Serrano.
Retransmisións en directo, realidade virtual e audioguía intelixente inclusiva
Ponteareas continúa avanzando na incorporación das novas tecnoloxías ao seu patrimonio cultural e ofrecerá neste Corpus Christi 2026 tres iniciativas que permitirán vivir e descubrir a festa desde novas perspectivas, reforzando a súa accesibilidade, difusión e capacidade de chegar a públicos cada vez máis diversos.
A retransmisión en directo da elaboración das alfombras florais volverá ser unha das ferramentas para achegar a festa máis aló das rúas de Ponteareas. A través da canle de Youtube do Concello poderase seguir en tempo real todo o proceso de confección das alfombras, desde as primeiras horas de traballo ata a súa culminación, así como os principais momentos da celebración e da procesión do Corpus Christi. Unha iniciativa que permite que persoas de calquera parte do mundo poidan acompañar aos alfombreiros e alfombreiras nunha das noites máis especiais do ano.
Entre as novidades desta edición destaca a incorporación dunha experiencia de realidade virtual inmersiva vinculada á procesión do Corpus Christi. Grazas a unha gravación realizada en vídeo 360º, o domingo a partir das 17:00 horas, as persoas que visiten a Residencia de Artistas, Aristea (na praza Maior) poderán colocarse unhas lentes de realidade virtual e vivir a procesión desa mesma mañá desde dentro, observando libremente todo o que sucede ao seu arredor como se estivesen presentes en distintos puntos do percorrido.
Esta experiencia permitirá descubrir unha das tradicións máis emblemáticas de Ponteareas dunha maneira innovadora, achegando o patrimonio cultural a veciñanza e visitantes a través das novas tecnoloxías e facilitando a súa difusión entre as novas xeracións. A terceira gran novidade deste ano é a posta en marcha da aplicación inclusiva “Caminar juntos”, un proxecto desenvolvido conxuntamente polo Concello de Ponteareas, a Universidade de Vigo e a Asociación de Alfombristas do Corpus Christi co obxectivo de facer a festa máis accesible e participativa.
A aplicación incorpora unha audioguía sensorial intelixente que se activa automaticamente mediante balizas BLE distribuídas ao longo do percorrido das alfombras florais. Grazas a este sistema, as persoas usuarias reciben información contextual adaptada en formato audio ou texto sobre a historia, significado e valor artístico das alfombras, facilitando a orientación e a comprensión da celebración. A ferramenta está especialmente orientada a mellorar a experiencia de persoas con discapacidade visual, auditiva ou cognitiva, permitindo que poidan achegarse ao Corpus dunha forma máis autónoma, accesible e enriquecedora.
O concelleiro de Novas Tecnoloxías, Cristian Montes, destacou que “desde o Concello levamos anos traballando para demostrar que tradición e innovación non só son compatibles, senón que poden reforzarse mutuamente. O Corpus é unha das nosas maiores señas de identidade e as novas tecnoloxías permítennos difundilo, preservalo e facelo chegar a máis persoas que nunca”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, sinalou que “o Corpus Christi é unha tradición centenaria que forma parte da nosa identidade colectiva, pero iso non significa que non poida evolucionar e incorporar novas ferramentas para seguir medrando. Estas iniciativas permiten achegar a festa a persoas que non poden estar fisicamente en Ponteareas, mellorar a accesibilidade para colectivos con necesidades específicas e ofrecer novas experiencias que contribúen á difusión internacional do noso patrimonio cultural”.




