“O municipalismo é a mellor escola de formación”

Luís Antonio Gómez Piña | Alcalde da Caniza

Ás portas da 60º edición da Festa do Xamón da Caniza, o seu Alcalde Luís Antonio Gómez Piña (PSdeG), tamén membro do Congreso dos Deputados, fai un balance da actualidade afirmando que o municipio goza “dun bo momento”.

Cantos anos levas na política da Caniza?
Máis de vinte anos. Levo de Alcalde sete anos, desde 2019. Antes estiven moitos anos de concelleiro. Cando comecei na política municipal había un espazo moi maioritario para un PP que aquí arrasaba electoralmente.

Agora ben, por qué non puideches vencer ao PP ata agora?
Este é un proxecto global. En 2019 saquei seis concelleiros, o PP tamén seis concelleiros e Cidadáns un concelleiro. Acordamos con ese concelleiro para afrontar un goberno por catro anos. En 2023 esa persoa acompañoume na miña candidatura. Para as eleccións 2027 agardo incorporarme a eses espazos que me apoien e alcanzar un espazo mais maioritario nos. Evidentemente trato de facer un proceso que teña un maior referendo posible porque é un proxecto para A Caniza. Aproveito para dicir que estou inmensamente agradecido aos meus veciños porque no último proceso electoral alcancei un 51% dos votos que me permitiu sacar unha maioría absoluta.

Como compaxinas a vida municipal coa parlamentaria?
Ben, atendendo as miñas obrigas como parlamentario en representación da provincia de Pontevedra. Creo que é positivo para A Caniza que eu sexa deputado. A lei din que os Alcaldes podemos estar no Congreso dos Deputados. O noso partido apostou por esa liña pero para Alcaldes de Concellos pequenos.

 “É positivo para A Caniza que eu sexa deputado”

Estou en Madrid unha vez ao mes, polo xeral os martes e mércores, e o resto adicado o 100% ao Concello. Neste momento son vogal da Comisión de Política Territorial, unha tarefa vinculada co municipalismo. Tamén son voceiro adxunto da Comisión de Vivenda.

Vivenda de todo o Estado?
Efectivamente. Tamén son vicepresidente primeiro da Comisión de Traballo. Teño levado ata agora unhas quince iniciativas. O noso grupo parlamentario reúne un grupo de Alcaldes de Concellos pequenos, ningún deles superior aos 10.000 habitantes. A Caniza supera os 5.000 habitantes.

O PSOE está contento porque ese grupo de Alcaldes transmite unha sensibilidade moi territorial. Incluso dende a oposición recoñécese esa circunstancia como excepcional e histórica. O municipalismo é a mellor escola de formación en canto ao coñecemento das necesidades e temáticas dos veciños e veciñas. Fago parte dun espazo maioritario que ten o respaldo nas urnas e con resultados de xestión; de levar temáticas que teñen resultados.

Cal o leitmotiv do proxecto “Entre Abadías” que tedes con Melón?
É un camiño histórico que supera o centenario e que existía entre o Mosteiro de Melón e A Franqueira. Estamos dinamizando ese Camiño, facendo mantemento anual e o proceso divulgativo así como unha andaina entre tramos. Vimos de asinar o segundo convenio para os vindeiros catro anos. Ten un conxunto de motivos, cultural, relixioso, deportivo, lecer, divulgación do territorio, turístico, socioeconómico. É positivo porque ten atraído a varias persoas dende diversos puntos de Galicia.

Que enfoque lle das á Franqueira?
É un espazo cunha carga histórica importante para A Caniza, con máis de 900 anos. Pero tamén relixioso, que é un tema transversal e persoal, non reñido con ningún espazo ideolóxico. Dende o Concello colaboramos e buscamos reforzar esas iniciativas.

En canto ao asunto social, como van as cousas?
Hai unha asociación de xubilados que ten sede no Centro Social e funciona diariamente. As Residencias temos dúas, unha en Valeixe e a de Santa Teresa no casco urbano da Caniza. Teño que falar en positivo porque é un servizo necesario, do que a maior parte da xente está satisfeita, e que nos xera unha repercusión económica así como postos de traballo.

Sobre a Festa do Xamón, que colaboración tedes?
Ao ser unha Festa de Interese Turístico temos unha subvención da Xunta e da Deputación. Para estas festas tamén colabora a ABANCA. Son festas que ten retorno económico no pobo así como na súa imaxe. Temos o concurso dos cortadores de xamón, o Bocadillo xigante, a cata, a exhaltación do xamón, entre outras actividades.

E esta xente onde se hospeda?
Os únicos que lles damos alonxamento son aos cortadores porque algúns veñen de Andalucía, Estremadura, etc.

Por qué na Caniza non hai pensións, hoteis e outros espazos de alonxamento?
Son circunstancias pero sabemos que existe demanda. Temos apartamentos turísticos, un camping e outros espazos pero entendemos que hai unha necesidade que terá que ser cuberta e estou convencido que logrará atenderse a mediano prazo.

Nova toponimia da Caniza. Como está avanzando en materia de sinalización, normalización?
Con naturalidade. Pouco a pouco nos iremos adaptando á nova toponimia. Aquí houbo debate e a Xunta aplicou o que din o Estatuto de Autonomía en canto á normalización lingüística.

“O Parque Empresarial do Vieiro é unha aposta global indistintamente de qué partido ou de quen estea gobernando”

O Parque Empresarial do Vieiro. É o gran proxecto de desenvolvemento para A Caniza?
É un parque empresarial de máis de 900.000 m2 cunha potencialidade que seguramente atraerá a diversos sectores. O PIA está aprobado pola Xunta e nas vindeiras semanas a Zona Franca vai aportar mais documentación. Estamos convencidos de que é un proceso a medio prazo e estamos avanzando porque hai varios vectores que están enfocados.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.