
Entre o 14 e o 19 de outubro a Asociación de Medios en Galego (AMEGA) celebrou as xornadas ‘Os medios galegos do futuro comezan nas aulas’ nas tres universidadesde galegas. O ciclo contou co patrocinio da Secretaría Xeral de Medios. Valentín García Gómez, secretario xeral da Lingua e Fernando de Paz, presidente de AMEGA, analizaron os contidos destas xornadas.
Valentín García Gómez | Secretario Xeral da Lingua da Xunta de Galicia

Como encaixan estas xornadas no traballo que se está a facer para reforzar o uso do galego no ámbito da comunicación?
A divulgación permite achegar coñecemento fundamentalmente a persoas que están en período de formación e que moi pronto serán profesionais da comunicación. Primeiro, sobre os medios galegos que existen, porque unha das cousas que sorprende é o seu número; e, despois, sobre as posibilidades, fortalezas e tamén debilidades que presenta todo o sistema comunicativo galego. Todo isto está marcado polo ámbito da comunicación tal e como aparece no Plan Xeral de Normalización Lingüística. Trátase de incidir no sector o antes posible, desde o propio momento da formación, e de conseguir que o galego estea presente entre as persoas que estudan nas facultades de Ciencias da Comunicación.
Que papel ten o estudantado na renovación dos medios de comunicación e da propia lingua galega?
Moitísimo, porque é o futuro da nosa lingua. O estudantado está nunha idade na que se conforman en boa medida a personalidade e a forma de vida para a idade adulta. Desde o punto de vista sociolingüístico, as idades entre os 15 e os 25 anos son moi interesantes porque é cando unha persoa se vai decantando pola lingua que lle gusta usar ou na que se instala no ámbito persoal. No profesional dependerá despois doutros factores, como o medio ou o ámbito no que traballe. Pero a súa actitude será moito máis positiva se esta realidade xa está presente mentres se forma na facultade.
E, á inversa, que papel poden ter os medios e os novos formatos dixitais na normalización da lingua e na creación de novos públicos?
Vivimos nunha sociedade na que a información flúe cada vez en maior cantidade e con máis rapidez, a través de formatos que hai anos nin sequera podiamos imaxinar. A vantaxe para o galego é clara: pode xogar en igualdade de condicións coas grandes linguas do mundo en canto ás posibilidades que ofrecen estes formatos. Outra cousa é a realidade dunha lingua minoritaria, que non alcanza o mesmo volume de información que xeran outras linguas. Ademais, vivimos nunha sociedade cada vez máis global. Antes, no noso caso, accediamos á información fundamentalmente en galego e castelán; agora hai moitas máis linguas actuando no noso hábitat informativo. Todo isto hai que analizalo desde as súas fortalezas e tamén desde as súas debilidades.
“Comunicar en galego ofrece posibilidades, confianza e identidade, factores difíciles de atopar nas linguas maioritarias”
Como definiría o estado de saúde actual da comunicación en galego?
Creo que estamos nun momento histórico. Nunca houbo tantos medios de comunicación en galego. Falabamos estes días dun reconto duns cincuenta socios de AMEGA e arredor de cen medios máis que están emitindo, escribindo ou traballando en galego todos os días. É unha cifra importante para un país de 2,7 millóns de habitantes. O problema é que faltaría comparalos cos medios que non están en galego, e aí a diferenza seguramente sería enorme. Ao final, o asunto é tamén unha cuestión de opción por parte das persoas que lemos, nos informamos ou falamos. A lingua é unha opción que, como outras decisións da vida, está condicionada polas circunstancias que nos rodean. Por iso este momento da formación é clave: é cando se conxugan moitos deses valores e circunstancias antes de tomar determinadas opcións. Esa elección será sempre persoal, lexítima e autónoma, pero é importante que a xente vexa que existe a posibilidade de facer comunicación tamén en galego dentro dun sistema informativo que está cambiando a pasos axigantados.
Cal é hoxe o principal reto ao que se enfronta a lingua galega?
Colocarse nesas grandes canles de comunicación e ocupar ese espazo. É, sobre todo, un reto de conseguir usuarios. Hoxe pódese calcular practicamente todo: o número de usuarios, os likes, as descargas, cantas persoas abren unha noticia ou canto tempo dedican a lela. Todo isto ten unha lectura comercial. Aquilo que resulta útil ou rendible para as empresas de comunicación, públicas ou privadas, tende a medrar. Pola contra, aquilo que non se usa, non se ve, non se le ou non se escoita corre o risco de quedar reducido ao ámbito administrativo, académico ou docente, sen unha plasmación real na sociedade. Por iso creo que o gran reto segue sendo gañar usuarios desde a convicción e explicar a importancia de optar polos medios en galego. Eses medios medrarán na medida en que quen os edita, elabora ou produce vexa que teñen lectores, usuarios ou espectadores e que a información chega ao seu destino final.
Que lle gustaría que saíse destas xornadas, tanto para o estudantado como para o futuro da comunicación en galego?
Que saíse o xermolo de profesionais en galego ou, cando menos, de profesionais que teñan sempre o galego como unha opción. Que, cando traballen con empresas de comunicación, publicidade ou marketing, vexan o galego como unha posibilidade real. O que me gustaría é que vexan o galego como unha posibilidade de traballo e de incorporación ao mercado laboral. Evidentemente ten algunhas limitacións, pero tamén ofrece posibilidades, confianza e identidade, factores que son moi difíciles de atopar nas linguas maioritarias. O ciclo ‘Os medios galegos do futuro comezan nas aulas’ conta co patrocinio da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e coa colaboración da Deputación da Coruña, do Consello da Cultura Galega, da Real Academia Galega, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e das tres universidades galegas.
“O xornalismo corre o risco de parecerse demasiado a aquilo que debería combater”
Fernando de Paz | Presidente de AMEGA

Fernando de Paz, presidente de AMEGA, salienta a importancia destas xornadas e reflexiona sobre os retos do sector, a responsabilidade dos propios medios e a viabilidade de facer xornalismo de calidade en galego.
Que obxectivo ten AMEGA con estas xornadas?
A idea fundamental é achegarnos ao estudantado e achegalo á realidade profesional do xornalismo e da comunicación. Queremos abrir espazos para debater ideas, analizar cales son os retos que xa está afrontando o sector e pensar de que forma se poden encarar, tanto agora como nos próximos anos.
Que diálogo existe hoxe entre a mocidade e os medios?
A relación da mocidade cos medios é completamente distinta á de hai anos. Estamos constantemente conectados a través do teléfono e temos acceso á información en calquera momento e lugar. Iso ofrece máis posibilidades para aprender ou participar socialmente, pero tamén implica riscos como a desinformación, os nesgos ou a polarización. Por iso é fundamental aprender a filtrar e recibir a información, promover a educación mediática e o pensamento crítico e saber diferenciar información e opinión. Os propios medios tamén deberían contribuír explicando os seus procesos de elaboración e verificación, as fontes que utilizan e corrixindo publicamente os erros cando se producen. O problema é cando os erros se cometen querendo. As xornadas da Coruña e Santiago están dedicadas ao Tío Marcos da Portela e a Begoña Caamaño.
“Coñecer o noso pasado axúdanos a contextualizar o presente e a facer un xornalismo que non só conte o que pasa no mundo, senón que o conte desde Galicia”
Que importancia ten recuperar a tradición xornalística galega para construír novos modelos de medios?
Coñecer o noso pasado axúdanos a contextualizar o presente e a facer un xornalismo que non só conte o que pasa no mundo, senón que o conte desde Galicia. N’O Tío Marcos da Portela, por exemplo, estaba moi presente a conexión co territorio e coas realidades máis próximas. Ese apego é algo que o xornalismo debería conservar para non perder a súa esencia. A tradición xornalística galega leva 150 anos servindo para expresar reivindicacións sociais, transmitir ideas ou manter os vínculos entre Galicia e a emigración. Esa historia debe inspirar medios que non se limiten a reproducir contidos globais, senón que expliquen o mundo desde Galicia e atendan ao barrio, ao concello, á comarca e á diversidade social e cultural do país.
Como debe tratarse a información ante estes novos contextos que transforman a profesión?
O xornalismo ten que adaptarse ás novas tecnoloxías e aos formatos dixitais sen renunciar ao rigor, á veracidade, á independencia e á responsabilidade social. A información debe verificarse antes de difundirse. A rapidez non pode estar por riba da calidade informativa. A intelixencia artificial pode axudar a analizar datos, transcribir, traducir ou documentar, pero non pode substituír a supervisión humana. Cómpre comprobar os datos que ofrece, detectar erros e informar con transparencia cando se utiliza. Detrás dun artigo teñen que seguir existindo profesionais con valores e criterios. Os medios tamén deben explorar formatos máis breves, audiovisuais e interactivos para adaptarse aos novos hábitos de consumo, pero sen simplificar en exceso cuestións complexas.
Fálase moito dos cambios que veñen de fóra, pero hai algo que os propios medios estean facendo mal?
Sería reducionista atribuír todos os problemas ás redes sociais ou a factores externos. Os medios tamén teñen responsabilidade na perda de confianza da cidadanía. O preocupante é que esa confianza se traslade a espazos que non son medios de comunicación, onde calquera persoa pode publicar calquera cousa. Pero os propios medios ás veces caen nas mesmas dinámicas. A presión por ser os primeiros, conseguir visitas ou competir nas redes pode levar a publicar información pouco contrastada, empregar titulares esaxerados ou presentar como extraordinario algo que non o é. Cando iso se converte nunha práctica habitual, o xornalismo corre o risco de parecerse demasiado a aquilo que debería combater. Ademais, a educación mediática debería comezar antes da universidade. Hai que aprender a recibir información, a ir máis alá dun titular e a detectar posibles trampas ideolóxicas. Esa é unha carencia importante dentro do sistema educativo.
O uso social do galego atravesa dificultades. Como se equilibra a responsabilidade de defender e normalizar a lingua coa necesidade de que un medio sexa economicamente rendible?
Defender e normalizar o galego e conseguir que un medio sexa economicamente viable non deberían ser obxectivos incompatibles. Os medios en galego teñen unha responsabilidade que vai máis alá de informar: contribúen a que a lingua estea presente na vida cotiá. O galego ten que servir para falar de economía, ciencia, política, deporte e de todos os ámbitos da sociedade. Se ofreces un bo produto que esperte interese, a xente vaino ler independentemente da lingua. Por iso hai que deixar de presentar o galego como unha limitación comercial e velo como parte da identidade e da proposta de valor do medio. Iso non elimina a realidade económica: un medio necesita recursos, lectores, publicidade, subscritores ou vendas. Pode diferenciarse pola súa proximidade, polo coñecemento da realidade galega e pola capacidade de crear unha comunidade de lectores. Tamén debe existir un compromiso institucional, con políticas públicas transparentes e compatibles coa independencia editorial. O equilibrio pasa por tres piares: compromiso lingüístico, xestión profesional e unha proposta xornalística de calidade. Non se trata de escoller entre defender a lingua ou ser rendibles, senón de construír un modelo no que ambas as cousas se reforcen.
Como lle gustaría que saísen destas xornadas os futuros profesionais?
As xornadas están abertas a todo tipo de públicos, aínda que se celebren nas facultades porque parécenos o espazo máis adecuado. Creo que podemos falar de dous tipos de público que, en realidade, forman parte do mesmo. Por unha banda, gustaríame que os futuros profesionais saísen coa ilusión e coa certeza de que facer un xornalismo de calidade en galego está ao noso alcance, que é posible. E, para o resto do público, gustaríame que percibise que existen medios en galego tan válidos para informarse como calquera outro.
Máis de 300 estudantes analizan o futuro dos medios en galego nas universidades galegas

A Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Vigo acolleu o último dos tres encontros do ciclo ‘Os medios galegos do futuro comezan nas aulas’, organizado pola Asociación de Medios en Galego (AMEGA)
Entre o 14 e o 19 de outubro, a Asociación de Medios en Galego (AMEGA) celebrou nas tres universidades galegas unha serie de encontros entre o estudantado e profesionais dos medios de comunicación galegos, nos que se abordaron cuestións como a alfabetización mediática, as redes sociais, a intelixencia artificial, os novos modelos de negocio, os nesgos de xénero e a desinformación.
Máis de trescentos estudantes participaron nestas xornadas, organizadas pola AMEGA co obxectivo de fortalecer o ecosistema dos medios de comunicación en galego e promover espazos de intercambio e reflexión entre profesionais, persoas expertas e estudantado. O último destes encontros celebrouse esta mañá na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Vigo, no campus de Pontevedra. A xornada, titulada ‘Os medios en galego ante os novos retos da comunicación’, foi inaugurada pola decana da facultade, Emma Torres Romay, e polo secretario xeral da Lingua, Valentín García Gómez, que resaltaron a importancia de que o estudantado de Comunicación vexa na lingua galega unha oportunidade para o seu futuro profesional.
A primeira intervención correu a cargo do profesor da Universidade de Vigo Xosé Baamonde Silva, que apelou á necesidade de que os medios de comunicación sexan transparentes á hora de explicar de onde procede o seu financiamento, co fin de fortalecer a relación de confianza co seu público.
A continuación, interveu a profesora da Universidade de Santiago de Compostela María Cruz Negreira, que analizou os medios de proximidade que existen actualmente en Galicia e presentou algúns exemplos de medios especializados en nichos específicos. Negreira defendeu o labor do xornalismo local, que permite dar voz a problemáticas e iniciativas que, doutro xeito, quedarían desatendidas.
Desde a súa experiencia en GCiencia, a xornalista Laura Filloy explicou como conseguen achegar temas complexos a un público amplo que, de entrada, non ten interese polos contidos científicos. «Adaptar os nosos contidos á linguaxe e ao formato das redes sociais é de vital importancia para chegar a un público amplo», sinalou.
A última intervención correu a cargo do xornalista e director do portal culturagalega.gal, do Consello da Cultura Galega, Manuel Gago, quen destacou as posibilidades que ofrece a intelixencia artificial para desenvolver solución tecnolóxicas que ata agora eran inaccesibles para as pequenas empresas de comunicación en Galicia.

Ao longo destas tres xornadas, ademais de buscar respostas sobre o camiño que debe seguir o xornalismo nun contexto marcado pola desinformación e a incerteza, abordáronse os 150 anos do xornalismo en galego, desde a aparición en 1876 de O Tío Marcos da Portela, así como o papel dos medios na normalización lingüística e na sociedade galega. Tamén se reflexionou sobre a figura de Begoña Caamaño e o papel das mulleres nos medios en galego, tanto sobre as dificultades que atopan as xornalistas como sobre a importancia de informar evitando os nesgos de xénero e incorporando unha perspectiva feminista.
O ciclo ‘Os medios galegos do futuro comezan nas aulas’ conta co patrocinio da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e coa colaboración da Deputación da Coruña, do Consello da Cultura Galega, da Real Academia Galega, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e das tres universidades galegas.




