
A XIV edición do Festival Groba acollerá do 16 ao 22 de agosto unha importante representación internacional que confirma a este evento como unha referencia importante no calendario da música clásica. Estarán presentes dez talentosos músicos de Kirguizistán, Armenia, EEUU, Moldavia, Francia e Corea do Sur. Catro deles, tres estranxeiros e un galego, responderon a nosa pregunta:
Como avaliaría o Festival Groba como evento musical de recoñecemento internacional?
Anna Sarkisova | Piano (EEUU)

“O Festival Rogelio Groba consolídase como unha das grandes celebracións da música clásica en España. Cada ano, músicos de recoñecido prestixio internacional reúnense para compartir a súa arte co marabilloso, acolledor e fiel público de Ponteareas.
Tiven o privilexio de traballar co mestre Groba o pasado mes de decembro, e segue a ser unha das experiencias máis fermosas da miña carreira. A súa profunda sensibilidade artística só é comparable coa súa extraordinaria xenerosidade como músico. Traballar con el resulta natural e, ao mesmo tempo, profundamente inspirador: é un director esixente, pero exerce o seu labor cunha elegancia e unha humanidade excepcionais.
Este ano estou encantada de regresar a Galicia como artista convidada no concerto inaugural do Festival. Agardo con moita ilusión reencontrarme cos seus magníficos músicos e interpretar o marabilloso Concerto para piano nº 23 de Mozart xunto ao gran mestre Groba”.
“Tiven o privilexio de traballar co mestre Groba e segue a ser unha das experiencias máis fermosas da miña carreira”
Jean-Baptiste Doulcet | Piano (Francia)

“Creo que o Festival Groba ten a categoría dun gran acontecemento cultural, ao reunir numerosos músicos de recoñecida traxectoria internacional e enriquecer a vida da música clásica cunha programación diversa en distintos espazos. Para min é un pracer volver!”
Pablo Diego Busto | Piano (A Coruña)

“Evidentemente, o Festival Groba é un evento musical de primeiro nivel —e, loxicamente, cada vez máis recoñecido internacionalmente—, xa que ademais da súa enorme contribución cultural á difusión da obra do compositor galego máis prolífico ata a actualidade acolle cada ano grandes intérpretes que, procedentes de distintos lugares do mundo, participan no evento e contribúen tamén a que o Festival sexa cada vez máis coñecido e valorado no ámbito internacional. Ademais, as entradas para o público son gratuítas. Trátase, sen dúbida, dun enorme xesto por parte da organización, que invita a encher as salas dos diferentes concertos programados —por certo, moi variados— e que facilita e achega esta experiencia tamén ao público máis novo, algo fundamental nas artes escénicas”.
Vincent Tohiere | Piano (Francia)

“Vivindo aquí, en Galicia, e vendo como tanto a música e a figura do Mestre Groba forman parte do ADN musical e cultural desta Comunidade Autónoma, diría que este festival non pode ser simplemente valorado senón que é, sinxelamente, necesario. Galicia vive a través da música do Mestre Groba. Nela poden sentirse os verdes Vales das Rías Baixas, as festas dos pobos e esa mirada cara ao mar, cargada de memoria, emoción e esperanza. Non hai Galicia sen Rogelio Groba, nin Rogelio Groba sen Galicia”.
“Este Festival é sinxelamente necesario”





