Solidariedade en Ribadumia

Recolección de xoguetes e comida para as persoas máis necesitadas
Cáritas de Barrantes recolleu xoguetes e comida doados para repartir entre familias de persoas necesitadas de Ribadumia.

Ribadumia | Esta semana o director de Cáritas de Barrantes, D. Andrés Luis González Álvarez, acompañado do párroco D. Manuel Cachaldora recolleron xoguetes e comida doados para repartir entre familias de persoas necesitadas de Ribadumia.

Concretamente, o mércores día 29, achegáronse ás oficinas municipais para recoller xoguetes doados durante a campaña organizada pola asociación “Ribadumia Agárdate” coa colaboración do propio Concello, onde o Alcalde, a concelleira de servizos sociais Dona Sofía Nuñez e unha representante da asociación de comerciantes fixeron entrega dos mesmos para o seu posterior reparto.

O xoves 30, D. Andrés e D. Manuel, achegáronse ao centro social de Barrantes para recoller todos alimentos recadados pola Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia durante o concerto solidario do pasado domingo no Auditorio Municipal. O presidente da Agrupación, D. Manuel Besada Vázquez fíxolles entrega dos mesmos. Con estas campañas, e coa que xa se fixo a pasada semana organizada pola ANPA do CRA de Ribadumia (onde se recadaron alimentos e produtos de hixiene infatís) queda unha vez máis patente que en Ribadumia abonda a solidariedade e a concienciación de axuda ós máis desfavorecidos.

A campaña foi organizada pola asociación “Ribadumia Agárdate”.

Dende o equipo de goberno queremos agradecer a todas aquelas persoas que doan pero tamén a todas aquelas entidades e organizacións que se preocupan por conseguir un Nadal mellor para aqueles e aquelas que máis o precisan.