
Breve biografía política e profesional
Son licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Vigo, con especialidade en Economía Pública. Concelleiro e Tenente de Alcalde dende 1999 ata 2013 e Alcalde de Covelo dende 2014. Presidente do GDR Condado-Paradanta e Deputado provincial dende 2025.
Xa mais que mediada a lexislatura, que porcentaxe de cumprimento das túas promesas electorais?
Unha das principais causas que levan á desafección das persoas coa política está nas dinámicas de promesas electorais en que incorren moitos partidos en campaña electoral e que, en demasiadas ocasións, non fan mais que crear falsas expectativas e finalmente desencanto. O grupo de concelleiros e concelleiras do goberno tratamos de ser realistas, pragmáticos, solventes na xestión económica e útiles para a veciñanza. Dende eses principios, a finalidade das nosas políticas e actuación sempre será a mellora da calidade de vida de tódolos veciños e veciñas do Concello garantindo o acceso aos servizos, dotacións e infraestruturas públicas.
A pesar de que o grao de cumprimento das promesas electorais non podo dicir que fose do 100%, xa que estaría mentindo aos electores e coido que ningún goberno o acadará, si podo dicir que o grao de compromiso e responsabilidade cos nosos veciños está sendo do 100%. E dende aquí quero agradecer tamén o traballo e dedicación de tódolos concelleiros e concelleiras que formamos parte do grupo goberno e do pleno do Concello de Covelo, pois na nosa forma de goberno a oposición tamén aporta.
Nesta lexislatura tiveches un ascenso importante: presidir o Centro GDR e logo pasar á Deputación como membro do equipo de goberno. Que significan de positivos estes ascensos para Covelo e para O Paradanta?
Son presidente do GDR dende o ano 2019 grazas ao apoio dos socios e socias que integran o Grupo de Desenvolvemento Rural e a confianza dos membros da Xunta Directiva formada polos representantes dos distintos colectivos e dos alcaldes e alcaldesas do Condado – Paradanta e Salceda de Caselas.
O GDR é un proxecto que ten por obxectivo o desenvolvemento económico e social de todo o territorio no ámbito rural do que formamos parte 10 Concellos. Grazas ao traballo de todo o grupo e especialmente do equipo técnico, nos últimos tres anos conseguíronse preto de 3 millóns de euros que se investiron nos Concellos en proxectos produtivos de creación de emprego, de aproveitamento de recursos endóxenos, de sostibilidade turística e de mellora das condicións de vida da poboación.
“O GDR é un proxecto que ten por obxectivo o desenvolvemento económico e social de todo o territorio no ámbito rural do que formamos parte 10 Concellos”
En Covelo destacaría o proxecto Mixturando, que foi financiado pola fundación Biodiversidade do Ministerio de Transición Ecolóxica e a Xunta de Galicia e posibilitou a posta en práctica de proxectos piloto de aproveitamento de recursos produtivos no sector gandeiro, agrícola e forestal destinados á creación de emprego, a mellora da actividade económica e a conservación da natureza.
Á Deputación Provincial incorporeime en novembro do 2025 con responsabilidade nas áreas delegadas do Centro Príncipe Felipe, Asistencia aos Concellos e Prevención de Riscos grazas á confianza que depositou en min o presidente Luís López. Co meu traballo na institución tratarei de poder responder á súa confianza e a traballar a reo pola provincia de Pontevedra, mellorando a cooperación e o asesoramento aos Concellos na súa actividade diaria, especialmente a aqueles que dispoñen de menos persoal e recursos, facilitando medios persoais e económicos a través dos distintos programas e liña de financiación existentes. E por suposto que Covelo e os Concellos que integramos as comarcas do Condado e Paradanta do Partido Xudicial de Ponteareas sempre están presentes nos órganos colexiados e nos ámbitos de decisión dos que formo parte na Deputación.
Xa están aí as portas as vindeiras eleccións municipais. Que che vai quedar sen facer e que vai, supoño, ser oferta de campaña para as próximas?
Os representantes públicos xestionamos recursos limitados e sempre escasos para poder satisfacer necesidades que tenden a ser infinitas. Ademais as persoas e as sociedades cambian e con elas as demandas e as necesidades; pero os servizos básicos de saneamento, abastecemento de augas e mellora de vías de comunicación sempre están presentes en todos os Concellos e parroquias. En Covelo necesitamos mais de 20 millóns de euros para poder dotar destes servizos básicos á poboación de todo o Concello.
Non é o momento de ofertas de campañas, quedan moitas obras e proxectos que licitar e executar, moita programación cultural e deportiva que facer e moitas horas de atención aos maiores e dependentes que cubrir. Non podemos distraernos do principal obxectivo que é a atención as persoas.
Logo de tantos anos no Poder (como Tenente de Alcalde e agora como Alcalde) segues crendo que teñen sentido Concellos tan pequenos que apenas poden satisfacer aos seus veciños por falta de orzamentos? Cal sería, ao teu ver, unha situación razoable?
O problema dos Concellos non é o tamaño nin a poboación. O noso gran problema ven derivado da infra financiación á que estamos sometidas as administración locais e dun debate que non se quere propor a nivel de Estado que é a reforma da financiación local. Só se fala de financiación autonómica para Cataluña, pero nunca de financiación local para os Concellos.
“O noso gran problema ven derivado da infra financiación á que estamos sometidas as administración locais”
Na crisis do 2013 na que España estivo ao borde da intervención, das tres administración implicadas, a administración local foi a que mais aportou á redución do déficit e a que xerou maior capacidade de aforro. É dicir, os Concellos mais pequenos fomos os que mais aportamos para saír da crise e evitamos o rescate. Non fomos un problema; fomos a maior parte da solución.
Agora o que precisamos é que se cambie a lei de financiación local e se nos dote dos recursos que precisamos e merecemos, nada mais. Pero tamén que se apliquen políticas que incentiven ao desenvolvemento económico e a implantación de servizos públicos nos Concellos pequenos, políticas de discriminación positiva para o rural en todos os ámbitos, de incentivos fiscais para as empresas e persoas dos pequenos Concellos, e tamén de mellora da financiación local.
Podes engadir o que consideres de interese para os veciños de Covelo e do Condado-Paradanta que non estea comprendido neste breve cuestionario.
Síntome orgulloso e agradecido como servidor público, dende os distintos ámbitos de representación que me atope, de poder traballar para mellorar as condicións de vida das persoas que residides nos nosos Concellos, coa mesma humildade e compromiso que vos o facedes todos os días.





