Salvaterra, As Neves e Salceda avanzan na III edición do ‘Programa Xuntas’

Levarán adiante obradoiros de saúde, benestar e igualdade de xénero

Salvaterra de Miño | As dúas alcaldesas –Marta Valcárcel (Salvaterra de Miño) e Loli Castiñeira (Salceda de Caselas)– e o alcalde das Neves, José Manuel Alfonso González, acompañados das respectivas Concelleiras de Igualdade, mantiveron unha primeira reunión de traballo de cara a desenvolver a terceira edición do Programa Xuntas, iniciativa dirixida ás mulleres dos tres municipios en materia de formación, información, prevención e orientación e asesoramento xurídico, laboral e psicolóxico individualizado.

Así, os concellos participantes avanzan un ano máis no calendario de actividades a través de obradoiros de saúde, benestar, igualdade de xénero ademais do Servizo Integral e Especializado de Asesoramento Xurídico, Psicolóxico e Laboral.

O Programa está financiado pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e ofrece unha intervención multidisciplinar a través de formación, obradoiros e un servizo gratuíto de asesoramento xurídico, psicolóxico e laboral axustado ás necesidades das participantes.

O Programa Xuntas, que en anos anteriores obtivo a mellor puntuación de todos os proxectos presentados na provincia de Pontevedra e a segunda mellor de Galicia, xestiónase mediante o sistema de xestión compartida e está financiado pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Os tres Concellos quixeron poñer en valor unha colaboración institucional exemplar que permite ofertar máis e mellores servizos e optimizar recursos, o que repercute directamente na calidade das políticas públicas, dando ademais un exemplo de transparencia e boa xestión ao conxunto da cidadanía, especialmente na área de intervención do Programa Xuntas.