Ponteareas únese a UNICEF no Día Mundial da Infancia

Aprobada iniciativa por unanimidade en pleno municipal

Ponteareas | O Concello de Ponteareas aprobou este martes por unanimidade en pleno sumarse á UNICEF Comité Galicia na celebración o vindeiro 20 de novembro o Día Mundial da Infancia, que este ano se celebra baixo o lema ‘Dereitos e emocións’.

Deste xeito o Concello comprométese coa promoción dunha maior e máis eficiente investimento na infancia, garantindo que se asignan os recursos necesarios para afrontar todos os retos relacionados cos dereitos da infancia: a saúde mental, a educación, a protección ante todo tipo de violencia e o dereito a vivir nun medio ambiente san.

Ao abeiro destas iniciativas, o Concello de Ponteareas impulsará mecanismos integrais de prevención en materia de saúde mental na infancia e na adolescencia destinados a mellorar o benestar emocional de nenos, nenas e adolescentes e promovendo hábitos de vida saudábeis. Un eido moi relevante xa que 1 de cada 10 adolescentes de entre 10 e 19 anos teñen diagnosticado un problema de saúde mental e, segundo datos da Enquisa Nacional de Saúde de 2017, o 13, 2% dos nenos e nenas de 4 a 14 anos presenta risco de sufrir algún tipo de problema de saúde mental.

Ponteareas tamén continuará impulsando políticas de reforzo educativo que garantan o acceso equitativo e efectivo a unha educación de calidade a través de bolsas e programas de apoio, especialmente para nenos e nenas nas súas primeiras etapas educativas ou en situación de vulnerabilidade. Unha medida fundamental coa que se busca tamén combater ese 31,7% de nenos e nenas galegas que viven en risco de pobreza e exclusión social.

O Goberno local seguirá traballando ademais en mecanismos para facer de Ponteareas unha contorna protectora para que todos os servizos dirixidos á infancia garantan a protección de nenos, nenas e adolescentes ante situacións de violencia e levaranse a cabo actuacións que promovan unha transformación urbana con enfoque de infancia para mellorar a calidade ambiental da vila e dos espazos sociais, asegurando que todos os nenos e nenas gocen dun medio ambiente limpo e saudábel.

Todos estes compromisos van acompañados de ter en conta as propias voces, necesidades e prioridades de cada neno, nena e adolescente nas decisións que lles afectan, como xa ocorre co actual Consello da Infancia e da Adolescencia de Ponteareas, cada día máis activo e implicado.

Por outra banda, o pleno aprobou por unanimidade unha emenda aos orzamentos xerais do Estado para o ano 2023 para incluír unha partida específica destinada ao proxecto de mellora da seguridade viaria da N-120 e prever as plurianualidades dos investimentos para a variante de Ponteareas.

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana someteu a información pública o proxecto e, tras concluír o período de alegacións atópase xa na fase de análise e informe para a súa posterior licitación. Por este motivo resulta imprescindíbel contar cunha partida que soporte estas actuacións durante o vindeiro ano.