Ponteareas ponse en forma coa marcha nórdica

Con catro xornadas técnicas e roteiros de balde

Ponteareas | A marcha nórdica comeza a gañar afeccionados en Ponteareas. Máis de 35 persoas participaron neste último trimestre do ano nunha serie de xornadas técnicas e deportivas de balde postas en marcha polo Concello para achegar deporte e saúde á veciñanza.

“Poñemos a disposición de ponteareás e ponteareáns unha ferramenta sinxela que pode axudar a cambiar hábitos, levar unha vida menos sedentaria e practicar unha disciplina con grandes beneficios para a saúde”, explica a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

En total foron catro sesións formativas nas parroquias de Areas e Arcos e catro rutas de entre 6 e 8 quilómetros por Areas, Arcos, Cabalón Uma e Celeiros con máis de medio cento de participantes que amosa a grande acollida que tivo esta actividade que se retomará o vindeiro ano con novas sesións teóricas e prácticas dirixidas a persoas a partir dos 11 ou 12 anos, independente da condición física e nas que se facilitarán os bastóns. Estas sesións son aptas e aconsellábeis para persoas con patoloxías ou enfermidades cardiovasculares, diabetes, párkinson…

Así, o vindeiro ano prevense realizar ata seis xornadas técnicas en distintas parroquias para ensinar a todas e todos os participantes a base técnica da marcha nórdica e “que poidan participar con comodidade nas rutas organizadas durante a fin de semana coas que se seguirá pulindo a execución técnica, gañando seguridade e desfrutando dos beneficios saudábeis e das achegas funcionais que se conseguen coa práctica deste deporte”.

En canto ás rutas, o obxectivo é ofrecer o vindeiro ano ao público dous tipos distintos cos que seguir practicando a técnica da marcha nórdica e, como sinala a rexedora, “coñecer e gozar dos roteiros e contornas naturais do noso concello e mellorar a nosa condición física”. Os sábados desenvolveranse rutas con desnivel de dificultade media aínda que accesíbeis á gran maioría de persoas asistentes. Mentres, os domingos haberá rutas sen desnivel e de dificultade baixa.

Fernández Davila anima á veciñanza a participar nestas novas sesións que se desenvolverán ao longo do vindeiro ano 2023 e das que se irá informando a través da web e das redes sociais do Concello.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.