Ponteareas convoca por primeira vez subvencións para entidades deportivas

Que realicen eventos na localidade
O Concello de Ponteareas acaba de lanzar por vez primeira unha subvención de 15.000 euros para apoiar ás entidades e clubs deportivos sen ánimo de lucro.

Ponteareas | Ponteareas acolleu durante os últimos anos varios eventos deportivos de envergadura, que a colocan como unha das capitais do deporte galego. O Concello, consciente da importancia de fomentar o deporte en todas as súas disciplinas, así como da súa importancia para o municipio como impulso económico e promocional da vila, acaba de lanzar por vez primeira unha subvención de 15.000 euros para apoiar ás entidades e clubs deportivos sen ánimo de lucro que realizan eventos deportivos na localidade.

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, destaca que con estas axudas “queremos colaborar con todos os clubs deportivos que desenvolveron un gran traballo organizando actividades deportivas seguras en plena pandemia, e tamén polo seu labor de fomento e difusión do deporte en Ponteareas”, así como polo seu compromiso coa vila organizando iniciativas que “dinamizan a economía local e traen moitos e moitas visitantes”.

Bouzó destacou que coa convocatoria desta nova liña de subvencións “establecemos un sistema obxectivo e transparente para garantir unha colaboración equitativa con todos os eventos deportivos. O edil sinalou que “na convocatoria deste ano puntuarán tamén os eventos realizados no 2020, que foron mínimos debido ao confinamento no inicio dese ano”.

A concesión desta subvención será en réxime de concorrencia competitiva e teranse en conta varios factores como o carácter e ámbito do evento, o número de deportistas que participaron, o historial deportivo ou o interese público da actividade. A documentación para solicitala está dispoñible na web do Concello e o prazo de solicitudes é de 10 días naturais.