“Nós destacamos en Europa co mellor produto que é a carne galega”

José Portas | Discarlux

José Portas, xunto con Carlos Ronda, son as caras máis visibles de Discarlux, a empresa cárnica que puxo sobre as mesas máis esixentes de Europa a mellor carne das razas de vacas galegas. Xa van case vinte anos de traballo e os resultados son positivos e satisfactorios. José e Carlos abriron camiño no medio dun panorama dominado pola carne neerlandesa e alemá. Agora, as grandes firmas da cociña europea poden contar coas mellores carnes vermellas de Galicia sen ter nada que envexar a produtos chegados doutros lugares.

Como empezou a túa aventura con Discarlux?
Comezou hai vinte anos despois de exercer de comercial nunha empresa de carnes, decidín instalarme co meu socio Carlos Ronda e iniciar pola nosa conta un novo negocio.

Cal é o trasfondo deste negocio?
Somos provedores de carne galega para a grande gastronomía europea, Gran Bretaña, Francia, Alemaña ou Italia.

“O noso é un perfil moi enraizado no que é o rural galego, a todo tipo de razas de vacas do país, con isto desmarcámonos de todos os distribuidores de carne xeral en Europa”

Cal é o selo distintivo de Discarlux?
O noso é un perfil moi enraizado no que é o rural galego, a todo tipo de razas de vacas do país, con isto desmarcámonos de todos os distribuidores de carne xeral en Europa, sobre todo porque eles son consumidores de carnes alemás e neerlandesas. Nós destacamos no mellor produto do mundo que é a carne galega.

Criades vós a vosa carne ou mercades o produto?
Non, nós non criamos. Nós mercamos nas casas, nos matadoiros, ás veces sacrificamos nós algúns produtos. Despois facemos a maduración nas instalacións que temos aquí en Madrid e facemos distribución a nivel europeo desde aquí.

Que é o Fisterra Bovin World?
É un brazo mecánico da empresa que ten como obxectivo mostrar as seis razas de vaca galega, tamén algunha portuguesa. Moitas razas que estaban en perigo de extinción están aí representadas, non é un traballo abondo para protexelas mais si é un proxecto de visualización máis que de produción porque, realmente temos unha produción de 800 vacas por semana e aí temos 250 vacas en rotativo e non teriamos suficiente.

Cales son as esixencias ou peticións aos vosos provedores?
Eles xa nos coñecen desde hai moito tempo, é un camiño feito hai anos en paralelo con eles xa teñen un buscador exclusivo para dar co animal que a nós nos interesa. Este é un tema de simbiose.

Que aspectos se poden mellorar para aumentar a calidade da carne que vós exportades?
Poderían mellorarse moitas cousas, mais creo que estamos freados polas institucións a novel razas de vacún. Sacaron unhas normas que consideramos obsoletas, algo que se demostra cada día cando non funciona absolutamente nada. A IXP de Galicia funciona bastante mal. Este é un tema que deben abordar as administracións reuníndose cos matadoiros, comercios e empresas de despece. Deberan reunirse para facer as cousas xuntos e non cada un como queira.

Tedes trabas desde a UE para poderdes realizar o voso traballo?
Non temos traba ningunha agás desde Galicia, desde as súas institucións que son máis esixentes cuns que con outros. Témolos detrás porque as normas instauradas nas súas IXPs non teñen sentido ningún. Mais como ninguén pode demostralo porque non nos dán pé para ter unha reunión e dicir cales son as condicións que deberamos ter.

Agora todo o mundo subiu ao carro, mais hai vinte anos non había un logo galego en Europa. Foron empresas como Discarlux, líder de exportación de carne galega, ninguén foi capaz de consultarnos unha soa vez. Agora, como a carne galega é famosa por toda Europa, e nós temos parte da culpa nisto, desde as institucións galegas non nos deron ningún apoio nin subvencións. Para os que puxeron Galicia na órbita de Europa non temos nada.

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.