Xi volve a Europa.

Tras cinco anos de ausencia, o presidente chinés Xi Jinping volve a realizar unha xira por Europa, desta vez con paradas en Francia, Serbia e Hungría. Durante estes anos o mundo ten cambiado drasticamente: unha pandemia global, dúas guerras (Ucraína e Gaza), clima de tensión permanente entre Occidente, China e Rusia.

Tampouco está Donald Trump na Casa Branca pero pode volver se gaña as presidenciais en novembro. E isto merece unha xira europea para pulsar as relacións transatlánticas ante un “Trump II”. Cunha nova reelección, o presidente ruso Vladímir Putin segue ferreamente ao mando dunha Rusia cada vez máis compatibilizada na súa alianza estratéxica con China. E iso inquieta a Occidente, molesta con China por ese apoio ao seu aliado ruso. En Asia Oriental, Washington traza un eixe AUKUS con Gran Bretaña, Australia e cada vez máis Xapón para cercar a China. Taiwán segue a ser a crise de seguridade global máis apremiante. E a OTAN ‘resucitou’ desa ‘morte cerebral’ que o presidente francés Emmanuel Macron chegou a tildar alá por 2018. Hoxe a Alianza Atlántica redescubriu o seu ethos convencida de que o inimigo actual é Rusia e o futuro será China, toda vez acadou unha inesperada ampliación cara países historicamente neutrais como Suecia e Finlandia.

Todo isto gravitaba na xira europea de Xi. Pero hai mais. Como era de agardar, o foco mediático da visita concentrouse en conmemoracións históricas (o 60º aniversario do establecemento das relacións franco-chinesas); vías diplomáticas para a resolución das crises actuais (Ucraína, Gaza) toda vez Israel ‘recibía’ a visita de Xi invadindo Rafah; a balanza comercial China-UE; e finalmente as expectativas de Beijing para ‘resetear’ e revitalizar a súa Iniciativa da Franxa e da Ruta, mellor coñecida como a Rutas da Seda.

“Pouca atención mediática na xuntanza Xi-Macron tivo un escenario igualmente estratéxico: o Sahel”

Pero pouca atención mediática tivo un escenario igualmente estratéxico: o Sahel. Xi chegaba a París nun momento difícil para o goberno de Macron trala súbita perda de influencia das súas tradicionais esferas xeopolíticas da África francófona vía golpes militares (Níxer, Burkina Faso) así como a crecente presenza militar e económica rusa e chinesa na rexión.

Nada disto debeu pasar por por alto para Macrón na visita de Xi, e máis cando o presidente francés é o máis entusiasta impulsor da Europa da Defensa como alternativa á OTAN e mirando precisamente a Rusia e China como inimigos. En París, Xi reuniuse co anfitrión Macron e a presidenta da Comisión Europea, a alemá Úrsula von der Leyen, outra entusiasta da Europa da Defensa como o presidente francés. Compre aquí observar os crecentes temores europeos ante a desinformación rusa e chinesa e máis cunhas eleccións parlamentarias europeas á volta da esquina, onde partidos euroescépticos, populistas e incluso ‘prorrusos’ medran na intención de voto.

Tras perder momentaneamente a súa influencia nun escenario estratéxico como o Sahel africano, o complexo militar-industrial galo busca recomponer as súas prioridades. De acordo ao SIPRI, Francia ven de suplantar a Rusia como o segundo exportador mundial de armamentos só por detrás de EEUU. A Europa da Defensa é, por tanto, unha oportunidade clave para que París reconstrúa os seus imperativos militares e xeopolíticos. E China, como Rusia, miran con atención este apartado. Toda vez, Occidente volve á carga buscando desequilibrar o peso xeopolítico sino-ruso en Asia Central, patente trala retirada militar estadounidense de Afganistán (2021)

Toda vez Macron, como anfitrión e voceiro occidental, agarda que Xi se converta nun interlocutor válido ante Putin que tente frear a contraofensiva militar rusa en curso en Ucraína que ameaza con saltar polos aires todo o apoio financeiro e militar occidental ao goberno de Volodymir Zelenski.

Kiev ten problemas de recrutamento de efectivos e a pesares dos 61.000 millóns de euros desbloqueados polo Senado estadounidense para axuda militar a Ucraína e Israel, as forzas ucraínas están exhaustas ante un Putin que volve a tomar a iniciativa, precisamente amparado nas súas alianzas económicas e militares con China, Irán e Corea do Norte, que lle permite desnivelar ao seu favor o equilibrio militar na guerra en Ucraína e a tensión contra OTAN así como as sancións occidentais. Non debemos esquecer que Macron xa anunciou o envío a Ucraína de tropas francesas da Lexión Estranxeira. Xi sabe de antemán que veñen momentos decisivos no conflito ucraíno.

O comercio tamén ocupou o seu peso na visita europea. Beijing quere fabricar coches eléctricos en Hungría, xunto con Serbia as outras dúas paradas da xira europea de Xi e aliados estratéxicos europeos do eixe euroasiático sino-ruso. Cunha balanza comercial favorable a China, Bruxelas quere emitir novas leis para diminuír a fortaleza económica chinesa, especialmente en materia de competitividade tecnolóxica.

En Belgrado, Xi criticou á OTAN co gallo do 25 aniversario dos bombardeos da Alianza Atlántica contra Serbia en medio da guerra de Kósovo (1999) Candidata para a admisión na UE e histórica aliada de Rusia, Serbia é igualmente crítica coas políticas europeas. Belgrado mira a Beijing e Moscova como o equilibrio xeopolítico ante Occidente. E China xa sabe, tralo cumio de Madrid (2022) que é o próximo inimigo estratéxico da OTAN.

“A xira europea de Xi foi unha toma de contacto ante a permanente pulsación de tensións entre Occidente e China, con Rusia na recámara”

A xira europea de Xi foi unha toma de contacto ante a permanente pulsación de tensións entre Occidente e China, con Rusia na recámara. Como ben puideron apreciar Macron e von der Leyen, Beijing mantén inalterable os seus intereses estratéxicos pero non desestima a diplomacia e a negociación. E neste apartado, se vemos a tendencia ‘incendiaria’ existente actualmente na política internacional, Beijing se erixe practicamente como o interlocutor global máis capacitado para tentar alcanzar iniciativas de resolución de conflitos. E fíxoo dúas veces en Ucraína e unha en Gaza. Vendo o actual escenario salta a pregunta: permitirá un Occidente cada vez máis abocado a seguir mantendo guerras que China se converta nese actor diplomático capacitado para pacificar conflitos?

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.