Ribadavia presentou a Mostra Internacional de Teatro

A 40 edición se celebrará do 19 ao 27 de xullo

Ribadavia | Presentouse a serie de tres carteis que conforman o tríptico co cal a Mostra Internacional de Teatro (MIT) quere celebrar a súa 40ª edición.

No acto, no cal participaron as autoridades do Concello de Ribadavia e unha das responsables do deseño, Ainhoa Viñuela, ademais do director artístico da MIT, púxose de manifesto a idea de potenciar todos os bos froitos que a MIT nos brindou ao longo destes anos. Tamén o seu carácter lúdico, festivo, de cruzamentos e aposta pola innovación a partir da súa tradición.

No tríptico da imaxe desta edición espello, reflíctese a fusión, a idea de linguaxes híbridas da escena a partir de fotografías realizadas por Rosiña Rojo, a fotógrafa oficial do festival, nestes últimos anos, con obras pictóricas de diferentes épocas artísticas depositadas en museos europeos. Patricia de Lorenzo, unha posta en escena de Marta Pazos ou unha escena de danza de La Macana conforman a escolma do deseño gráfico que procura reflectir a identidade do festival e as fusións.

Fomos o primeiro festival en realizar coproducións, en fomentar o diálogo das compañías galegas nun contexto internacional, a diversidade de xéneros escénicos, as residencias e programación expandida… Todo iso pretende ser a imaxe, baixo o fondo patrimonial e artístico da vila do Ribeiro, con variada oferta de espectáculos na rúa, ademais do Castelo.

Unha das primeiras citas que nos chegará con esta MIT vai ser o recibimento dos artistas nas Residencias Paraíso da Igrexa da Madalena, a comezos de xullo, onde estarán desenvolvendo o seu proxecto, para mostrarnos o proceso no marco do festival. Se o ano pasado tivemos a Brigitte Vasallo, cuxo proxecto Queixa está xirando agora mesmo a nivel internacional, este ano recibiremos ao colectivo Desgarradura, co proxecto The miracle worker, unha creación arredor dos conceptos de fogar, familia, recordo e perdón.

Por outro lado, se as Residencias son a primeira cita, a última será o día 27 coa presentación da coprodución da MIT co Centro Dramático Nacional e ButacaZero: Iribarne. Unha satírica política sobre a transición e a Galicia contemporánea, un dos grandes espectáculos da temporada, con dramaturxia de Esther Carrodeguas, banda sonora do músico Berto e un elenco de primeira.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.