Casos e cousas que debemos ter en conta (III)

Continuando coa intención de animar aos lectores destes humildes editoriais a que se informen debidamente e que non se deixen levar polo que ven en letras grandes na maioría dos xornais, comenzaremos nesta ocasión polo “retiro espiritual” de Pedro Sánchez. Retiro que puxo patas arriba a todo o “corpus politicum” deste País. A uns porque esperaban velo fora da Moncloa e xa quecían sillóns, outros porque se vían orfos do Xefe e descoñecían cal sería o seu futuro político e, nalgúns casos, tamén económico. Finalmente, como nos ensina Horacio “parturient montes nascetur ridiculus mus” (están parindo as montañas un ridículo rato) Así quedou a cousa. Nin portas abertas para uns nin descalabro para outros. Como di Julio Iglesias, “la vida sigue igual”.

Pedro Sánchez presentou algo así como unha moción de confianza aos cidadáns e , vive Deus, que o conseguíu. Solicita que o liberemos dos bulos, das informacións tendenciosas sen base suficiente, dos lawfare que se están cebando con el e coa súa familia. Parece que a ousadía lle funcionou. A enquisa de Tezanos feita eses días danlle a Pedro Sánchez un subidón incrible. Aqui deberíamos lembrarlle a Pedro Sánchez que ese suposto calvario que el está sufrindo xa o sufriron, e máis cargado ao bombo, outros membros do seu goberno. Daquela o Sr. Presidente non se sentiu impelido a tomar medidas como pretende facer agora.

Nos últimos anos veño indicando que unha grande maioría dos medios de comunicación (agora habería que engadirlle tamén as plataformas dixitais) son tóxicos. Máis de un me ten dito que esaxero; sen embargo visto o visto nos últimos tempos creo que nada máis lonxe da esaxeración.

Unha gran parte da información que nos ofrecen carece de todo rigor, de toda veracidade como di o art. 20 da Constitución. Traballan, como dirían os latinos “pro domo sua” (pra súa casa). Pero cal é esa casa dos xornais? Pois, nin máis nin menos que as grandes empresas, os grupos bancarios, os multimillonarios existentes que son un bo lote deles, etc.. Todos os que refuxan pagar impostos como os demais, os que nalgúns casos ata lles da a devolver. Diso falaremos mais adiante.

Os cidadáns son acosados polos medios en papel, que se lle presentan atractivos na barra dun bar ou que os teñen a mán en cada móbil. Non teñen tempo nin queren saber se o que están lendo é certo ou é un bulo, unha montaxe contra alguén, un lawfare. Este termo tan de moda que xa é vello no seu funcionamento pero que só agora saír á luz: guerra sucia dende os tribunais perseguindo politicamente a alguén pretendendo a súa desacreditación, sen importar se o suposo feito denunciado é certo ou non. Logo de que o/a afectado/a sufra o xuízo do telediario, logo de que se fagan eco do feito penal supostamente cometido, xa pouco importa o resultado. A desfatachez alcanza tales grados de ignominia que no caso da muller de Pedro Sanchez unha denuncia baseada en notas de prensa é utilizada por un suposto sindicato denunciante; declara que non saben se será certo ou non o motivo da denuncia, que terá que ser agora o propio xulgado quen investigue que hai de certo na denuncia por eles posta en marcha. Inaudito.¡Improsionante!, que diría o extoreiro Jesulín de Ubrique.

“Os cidadáns son acosados polos medios en papel, que se lle presentan atractivos na barra dun bar ou que os teñen a mán en cada móbil”

O tema non sería preocupante se non fora que esta información tendenciosa enche, atiborra as mentes dos cidadáns do común, como diría o amigo Beiras. Xente que non sabe ou non se sente estimulada para “saber mais” do que lle queren meter nos miolos; xente que non foi acostumbrada nin concienzada de que unha boa informacion custa cartos, non é gratis. Por esta razón as formacións políticas que están na Oposición aquí, e noutros países do noso entorno, utilizan esta desinformación e animan dende as plataformas dixitais a “todos contra Sanchez”; iso en España porque noutro país será igual: todos contra…quen sexa o que estea aos mandos.

Pero o máis grave de todo isto está en que non é soamente o populacho quen asimila estas informacións tendenciosas senón que son utilizadas polos que están chamados a poñerse a fronte deste País en calquera momento. Comprobar como utilizan este material como se fora verdade contra os seus opoñentes da algo de medo. Porque o “todo vale” non é nada agradable para un demócrata. Cando polos futuros gobernantes non se poñen límites e se aceptan como válidos todos estes informes sen contrastar temos que pensar no nivel de honradez e de decencia destes políticos. Cando para gañarse o Poder se bota man de calquera cousa por mais indecente que sexa, os cidadáns, os posibles votantes, temos que facérnolo ver.

Tal como anunciamos antes falemos agora de cartos, de impostos, de necesidades básicas.
Estes últimos días somos informados de que o 1% mais rico posúe a metade da riqueza financeira de Europa. Tamén nos informan que o seu estilo de vida está empeorando a crisis climática pero, sen embargo, apenas pagan impostos. Por esta razón a UE está perdendo do preto de 300.000 millóns de euros/ano (uns 33 millóns cada hora) que ben poderían servir para pagar ao profesorado, ao servicio médico, mellorar os trens e aumentar as residencias para atender a poboación dependente.

No libro que estou lendo “LOS RICOS NO PAGAN EL IRPF”, de Carlos Cruzado e José M. Mollinedo, fanos das declaracións-trampa utilizadas polos ricos para non pagar impostos. Dende as famosas SICAV ata as sociedades pantalla. Todo un entramado societario polo que os ricos apenas pagan impostos. Nalgúns casos, os máis refinados, ata lles da a devolver.

Cando somos informados destas cousas ao mesmo tempo que existen cidadáns que se molestan porque algúns falamos de como habería que gravar as grandes fortunas para que a riqueza xerada por todos, non precisamente só polos ricos, estivera mellor repartida chegamos á conclusión de sempre: unha falta de información inmensa; unha manipulación da realidade por aqueles axentes sociais que teñen a obriga, polo menos moral, de informar debidamente aos cidadáns. Claro que se soamente se dedican a facelo e non toman cartas no asunto corren o risco de que “eses informados cabreados” se lles volvan en contra.
Curiosamente en 1998 Aznar dixo que, cando el traballaba na Facenda como inspector, asegurou que co sistema fiscal daquela os ricos non pagaban impostos. Pedro Sanchez, pola súa parte, cando anunciou unha subida do IRPF para os tramos máis altos, declarou nunha entrevista en televisión (“El Objetivo” na Sexta, en setembro de 2018) que a xente rica non pagaba o IRPF porque tiñan as SICAV, o imposto de patrimonio, o imposto de sociedades e demais. Despois de todo isto, dinnos os autores antes citados, que a situación non ten cambiado demasiado.

A Constitución española, no art. 31.1 afirma: “Todos contribuirán ao sostemento dos gasto público de acordo coa súa capacidade económica, mediante un sistema tributario xusto inspirado nos principios de igualdade e progresividade que, en ningún caso, terá alcance confiscatorio”.

Ben, a que esperamos, logo, para facer cumprir a Constitución a todos os que se escaquean de pagar os impostos que deben pagar?

Unha das figuras que utilizan as grandes fortunas son as SICAVs. Este tipo de institución de inversión colectiva que está viciada de entrada porque aínda que se fala de colectiva e deben estar compostas por un mínimo de cen socios en realidade trátase dunha soa acompañada os donos son ben unha soa persoa máis un grupo accionistas que deben ser un mínimo de 100 que antes podían participar cunha cantidade simbólica, eran só chamados mariachis; agora por lei deberán ter unha participación mínima de 2.500 euros. Este tipo de sociedades cotizan ao 1% en vez de ao 25% xeral.

“Outra anomalía fiscal é que canto mais facturan as empresas, menor é a porcentaxe que pagan de impostos sobre beneficios”

Outra anomalía fiscal é que canto mais facturan as empresas, menor é a porcentaxe que pagan de impostos sobre beneficios. Así se desprende da estatística das contas anuais consolidadas do imposto sobre sociedades correspondente ao 2021 que nos indica que as empresas máis grandes, as que facturan por enriba dos 1.000 millóns de euros, son as que tributan un tipo efectivo menor (5,73%) sobre beneficios. As que teñen unha cifra de negocios de entre 50.000 e 100.000 euros tributan o doble das mais grandes (13.19%). Esta porcentaxe vai subindo ata o tramo de entre 4 e 5 millóns (21,16%), con tendencia a baixar de ese tramo a medida que aumenta a dimensión.

Finalmente, para non cansar aos pacientes lectores, falemos brevemente das sociedades pantalla; sociedades instrumentais dunha soa persoa ou dunha organización que as controla sen patrimonio nin medios materiais ou personais, polo que tamén se lles chama sociedades ficticias ou fantasma. Habitualmente son utilizadas na evasión de impostos, tanto por grandes corporacions empresariais que dirixen fondos e operacións a través de entidades ficticias cara a xurisdiccións con impostos moi baixos ou nulos onde poden eludir impostos fácilmente, como por persoas de grandes fortunas que as utilizan para que unha parte dos seus bens non paguen impostos.

Relacionado con isto que acabamos de expoñer atopamos a multimillonarios como Amancio Ortega, que ingresa 1.422 millóns de euros polo 1º dividendo de Inditex; a primeira retribución deste ano. O pasado ano xa recibira 2.845 millóns en concepto de dividendos. A filla percibirá 245 millóns en dividendos de Inditex. O pasado ano recibiu 188 millóns. Todos sabemos que a carón desta noticia atopamos outra que nos fala dunha compra importante por un monto de centos de millóns de euros en inmóbeis ou outro tipo de empresas. Aqui é, pensamos nós, en consonancia co que nos informan no libro “Los ricos no pagan IRPF” como estes millonarios se escaquean de pagar impostos en función do que ganan. Non é de recibo que unha persoa calquera (funcionario, pensionista, etc.) cotice a Facenda mais que tantos “ortegas” que pululan por este mundo de trileiros económicos.

Queremos deixar constancia de que non nos move ningún interese especial cando damos a coñecer estas cousas; soamente pretendemos abrirlle os ollos a tanta xente que, cando alguén se refire a estes potentados e di que non pagan impostos, non están atacando a ninguén, están expresando o seu malestar porque a Facenda lle controla os seus últimos euros e, sen embargo, permita que esta xente poida deixar de tributar por centos de millóns de euros. Máis nada.

Deixei para o final destes meus comentarios as eleccións en Cataluña. Acaba de celebrarse o segundo debate televisivo onde se puido comprobar que, como vulgarmente se di, as espadas están no alto.

Ninguén se atreve a confesar a que tipo de acordos estaría disposto a chegar, porque acordos ten que habelos ou repetir eleccións. O que si está claro é que calquera que sexa o resultado imos comprobar como os partidos chamados nacionalistas ou independentistas acadaran máis do 50% dos votos.

Isto quere dicir que os cataláns deberan ter dereito a celebrar un referéndum para saber cantos estarían dispostos a votar pola independencia de Cataluña para así rematar con esta guerra sucia dos partidos chamados constitucionalistas que teñen a crenza de que son os portadores das esencias patrias. España non é uniforme; hai moitas Españas. Isto non o digo eu senón que o din un montón de estudiosos do tema dende fai xa un montón de anos.

Xa falei nestes meus editoriais tempo atrás sobre a invasión de Cataluña (representada pola cidade de Barcelona) nos tempos do rei borbón Felipe V, antepasado do actual rei Felipe VI. Pola forza someteu o condado de Barcelona representado polas súas institucións propias: o exército, o pobo e a Igrexa.

Despois de nove meses de asedio arrasou a cidade mostrando os seus trofeos personais con ilustres soldados pasados pola praza pública colgados dun mastil logo de ser fusilados.

As tropas borbónicas estiveron durante nove meses alimentando aos seus cabalos e a si mesmos das colleitas dos veciños cataláns; de aquí a expresión xa historica de “Madrid nos roba” porque, efectivamente, os mandados dende a corte castellana roubaban os recursos propios dos cataláns que vivían no exterior de Barcelona.

Tiña algunha cousa mais para ofrecerlles sobre o mal trato das Humanidades nos actuais plans de estudio. Pero imos deixalo para próxima. Tampouco hai que pasarse, non cren.

Disfruten desta primavera e sexan felices se a Facenda llelo permite. Saúdos.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.