“No Condado fai falla unha marca turística propia e permanente”

Jana Kadlecova Calfova | Emprendedora turística

Oriúnda de Eslovaquia e residente en Ponteareas desde 2009, Jana Kadlecova Calfova é propietaria da axencia de viaxes Bodega Travel; do punto de atención turístico Visit Condado; do coworking ApartOffice e xestiona o aloxamento turístico A Coastine nesta vila do Condado. Vén de ser recoñecida pola GDR Condado Paradanta polos seus proxectos de emprendemento rural.

Es de Eslovaquia pero gostaríanos saber cómo chegaches a Ponteareas?
Son de Bratislava, a capital eslovaca. Viñen a Galicia pola miña parella que é vigués; o coñecín en Eslovaquia porque traballaba aí. Cando quixo retornar decidimos vir ata Vigo, xa que el precisa do mar e en Eslovaquia non o hai. En Bratislava traballei de guía turística e de xornalista pero nesa época que o coñecín eu traballaba nunha entidade xaponesa responsable na rexión de Visegrad IV (conformada por Hungría, Polonia, República Checa e Eslovaquia) Tras un breve período en Vigo viñemos a Ponteareas; levo aquí desde 2009.

Tiñas coñecemento de Galicia dende o teu país de orixe?
Non moito pero si teño que dicir que nunha ocasión houbo unha exposición no Castelo de Bratislava, non estou segura se sobre o Camiño de Santiago, pero houbo un mapa no que observei onde estaba Santiago de Compostela; dende Europa Central parecíame lonxe pero dixen que algún día podería ir ata alí.

Ves de ser recoñecida pola GDR Condado Paradanta co certificado SICTED en materia de emprendimento rural.
Si pero son dúas cousas distintas. O certificado SICTED o teño desde 2019; sobre o recoñecemento da GDR tiña que ver con xente emprendedora da zona e polo Día Internacional da Muller.

Vexo que levas adiante unha axencia de viaxes, Bodegas Travel; un punto de atención turístico, Visit Condado; o coworking ApartOffice e un apartamento turístico no centro de Ponteareas. Con cal deles comenzaches? Qué nos podes comentar destes proxectos?
En 2018 comecei co aloxamento turístico. Cando cheguei aquí traballei para empresas galegas en asesoría, atención informática, vendas internacionais de perfís de aluminio, etc. Foi unha experiencia nova porque eu viña dunha capital como Bratislava onde traballaba en proxectos internacionais e aquí é un mercado máis local, o cal require unha adaptación.

Estes seis anos constituíron un cambio drástico, sobre todo a nivel de aloxamento turístico e no relativo á normativa. Por exemplo no seu momento non existía recoñecemento SICTED para apartamentos co cal eu cumpría cos requisitos dun hotel. Eu buscaba un formato tipo Hotel 4 estrelas. Nese momento habían en Ponteareas dous hoteis e dous apartamentos turísticos. Hoxe en día é moi distinto porque hai moitísimos mais; sen embargo fan falla actividades para que se queden na zona. En realidade ao turista lle importa é a comodidade e pasalo ben. Pero tamén debo dicir que eu tiña inspección no meu alonxamento turístico, cousa que non me consta con aqueles que son ilegais. E aí é onde eu vexo o problema.

Ves potencialidades turísticas en Ponteareas e o Condado Paradanta?
Creo que aínda estamos na sombra no que respecta, por exemplo, a Vigo en caso das luces de Nadal ou da costa no caso do verán. A xente cando ven aquí non sabe exactamente que é o que se lle ofrece. Falta tamén unha liña para definir: “somos isto”; unha marca turística propia. Hai clientes que me chaman para preguntarme se Combarro está lonxe porque lle interesou por algunha referencia en redes sociais. Debes ter clara a identificación e mantela por moito tempo, con unha continuidade. Hai moitos atractivos turísticos; o problema é que se promoven un momento e non se amplían para o desfrute. Por exemplo fálase das alfombras de Ponteareas pero iso dura só unha fin de semana. Por iso na axencia ofrecemos experiencias para todo o ano, tamén vencelladas coas alfombras de Ponteareas.

“Hai moitos atractivos turísticos; o problema é que se promoven un momento e non se amplían para o desfrute”

No caso de Ponteareas ou do Condado, cal é o atractivo turístico que lle ‘vendes’ aos teus clientes?
Depende das preferencias da xente. En caso de familias buscan comodidade. Sorprendeume unha vez que viñeron uns clientes de Valladolid coas súas familias e quedaron encantados coa Freixa; iso foi en pleno verán e pareceume sorprendente porque non preferiron ir pola costa como fan a maioría dos turistas. E tamén teño xente de Vigo que veñen a facer paseos polo río Uma.

En varias xuntanzas de turismo comentamos sobre a necesidade non só de facer camiños senón tamén de mantelos sistematicamente, que exista seguridade para o turista. Tamén é necesaria unha información turística permanente, non só de vez en cando; que as oficinas turísticas estén abertas non unicamente unha parte do ano. Independentemente do verán ou do inverno debemos promover o destino temporal durante todo o ano.

No tempo que levas aquí coñeces casos similares ao teu, no só dentro do Condado senón do sur de Pontevedra ou Portugal?
Ademais da información turística tamén está a forma en cómo os turistas se quedan, o cal obrigaría a ter máis colaboración entre as entidades. Porque eu podo ofrecer aloxamento pero non restauración, por tomar un exemplo. Así empezamos a facer sorteos entre varias empresas, que denominamos Rede Condado, sobre aloxamento, restaurantes, actividades turísticas, etc. E iso permitiu a outras persoas coñecer os atractivos desta zona, como pasou no caso duns clientes de Ourense. Unha das ensinanzas que nos deixou a COVID foi que a xente non necesita ir a Miami ou a Europa Central senón que pode descobrir a súa zona e desfrutar dos seus detalles. Ao final o importante é ter a sensación de que o pasas ben.

“Se non promoves durante varios anos o mesmo patrón, a xente se despista”

Como ten sido a receptividade aos teus proxectos por parte das institucións municipais? Cres que as estratexias de promoción turística ten sido acertadas?
É difícil de responder. Entendo que cada Concello debe defender o seu propio interese. Considero que xuntar a varios Concellos é importante porque obriga positivamente a interactuar aínda que isto non garante que sempre vaias co mesmo concepto. Se non promoves durante varios anos o mesmo patrón, a xente se despista. E o trato da xente é tamén moi fundamental. En Galicia a xente é moi hospitalaria pero tamén desconfiada.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.