“Paxariños” de Trinketrinke Teatro, este sábado no auditorio municipal Reveriano Soutullo

O contacontos teatral enmárcase no programa Apego de fomento e difusión da lingua nai e será ás 12 horas con entrada gratuíta

Ponteareas | Nesta ocasión a sala multiúsos do auditorio municipal acolle este sábado, día 25 de xaneiro, ás 12:00 horas, o contacontos teatral “ Paxariños”, a cargo de Trinketrinke Teatro, dirixido a nenas e nenos de 1 a 4 anos.

“Paxariños” trata, a través de varios contos, do nacemento dos paxariños e dos preparativos necesarios para recibilos da mellor maneira posible e no que a actriz achégase directamente ás nenas e nenos ao estar estes sobre o escenario. Esta actividade é completamente de balde.

Para poder participar nesta actividade é necesario facer a inscrición previa no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ponteareas.

Esta actividade forma parte dun conxunto de actividades realizadas de xeito mensual para fomentar a vinculación das familias co galego, dentro do proxecto Apego, un programa colectivo dirixido a fomentar e a facilitar a transmisión do galego como lingua inicial e a socialización dos nenos e das nenas entre 0 e 6 anos no noso idioma, para o que se desenvolven materiais, facilítanse e difúndense recursos, deséñanse e prográmanse actividades para nais e pais e para nenos e nenas, etc.

Todas aquelas persoas interesadas en participar neste proxecto poden pórse en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ponteareas, onde recibirán toda a información precisa.