A Coruña | O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe por unanimidade de todos os grupos políticos unha nova achega do POS+Social, a liña específica do Plan Único destinada a fortalecer os servizos sociais municipais. Este ano, o programa contará cun orzamento de 6.992.300 euros, que serán repartidos entre os 93 concellos da provincia para atender necesidades prioritarias no ámbito do benestar social.
Segundo explicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, “o POS+Social constitúe un apoio fundamental para que os concellos poidan desenvolver políticas sociais que melloran a calidade de vida de milleiros de persoas, especialmente maiores, persoas dependentes, con diversidade funcional ou menores de familias en situación de vulnerabilidade”.
A través deste fondo, os concellos poderán financiar programas e servizos como o reforzo e ampliación do servizo de axuda no fogar, o servizo de xantar na casa, actividades de acompañamento e socialización, programas de conciliación familiar e laboral, servizos de fisioterapia e terapia ocupacional, ou axudas directas a persoas e familias en risco de exclusión.
Tamén se permite a contratación ou reforzo de persoal técnico e administrativo dos servizos sociais municipais ou dos servizos de axuda no fogar municipais, así como investimentos en infraestruturas ou equipamentos que melloren a atención á cidadanía.
Un programa consolidado que naceu na pandemia
O POS+Social foi creado no ano 2020, en plena crise sanitaria da covid-19, como resposta ao incremento das necesidades sociais nos concellos. Desde entón, consolidouse como unha das liñas máis valoradas do Plan Único pola súa capacidade de adaptación ás realidades e prioridades de cada municipio. En cinco anos, a Deputación destinou máis de 61 millóns de euros a esta liña de apoio ao tecido social local.
Reparto territorial
O orzamento distribúese entre as comarcas de A Coruña (1,59 millóns), Santiago (2,01 millóns), Bergantiños-Costa da Morte (1,21 millóns), Ferrolterra, Eume e Ortegal (1,29 millóns) e Barbanza (880.000 euros). A maior parte dos fondos destínanse a gasto corrente, aínda que tamén se contemplan achegas para investimentos específicos.
A comarca de Santiago lidera o volume de fondos, seguida polas comarcas da Coruña, Ferrol, Bergantiños-Costa da Morte e Barbanza. A distribución baséase nos mesmos criterios obxectivos do POS, tendo en conta aspectos como como a poboación, a superficie ou a dispersión territorial.
O POS+Social é un exemplo maís do modelo de cooperación municipal que promove a Deputación da Coruña, no que a administración provincial actúa como garante da igualdade territorial e de acceso aos dereitos sociais, prestando especial atención aos concellos pequenos e rurais, que adoitan ter máis dificultades para manter servizos sociais estables por falta de recursos propios.
O presidente provincial, Valentín González Formoso, salientou que “apostamos por un modelo de política social que poña ás persoas no centro, con servizos próximos, humanos e adaptados á realidade de cada concello. O POS+Social é unha mostra de como a colaboración entre administracións pode traducirse en mellores condicións de vida para milleiros de persoas”.