O CIM de Ponteareas rexistrou case 1.200 consultas en 2021

Con apoio a mulleres e persoas do colectivo LGBTQI+

Ponteareas | O Centro de Información á Muller de Ponteareas continúa ofrecendo o seu apoio a mulleres e persoas do colectivo LGBTQI+. Único centro especializado das comarcas do Condado e A Paradanta, o CIM pechou o ano 2021 con arredor de 1.200 consultas atendidas.

“Este centro é un recurso de vital importancia para artellar de forma integral programas, servizos e recursos cos que continuar traballando a prol da igualdade, na prevención e erradicación da violencia de xénero e na concienciación dunha sociedade na que as persoas poidan realizarse con liberdade dende o respecto e sen medos”, explica a concelleira de Igualdade e Benestar Social, Verónica Carrera.

A maior parte das consultas atendidas polo equipo formado por psicóloga, administrativa, avogada, técnica de igualdade e traballador social foron por atención a violencia de xénero (304), seguidas de atención psicolóxica (299), información de recursos (291), asesoramento xurídico (248) ou orientación ao emprego (25). Este equipo de profesionais “dedicados e implicados” presta os seus servizos no departamento situado no centro social da rúa Oriente.

O balance do último ano do CIM recolle que se atenderon a 340 persoas, 0 79% delas ente 25 e 64 anos, só un 12% menores de 24 anos e un 9% maiores de 65. “Temos que seguir traballando para dar a coñecer este recurso entre toda a poboación, eliminar o estigma asociado en moitos casos a acudir a estes servizos e facilitar o seu acceso”, resalta a edil.

Os datos reflicten tamén que o 70% das persoas atendidas non tiña un traballo formal remunerado no momento de acudir ao servizo, das que 237 eran desempregadas, paradas de longa duración ou estaban inactivas. Como explica a concelleira, “estes datos tan elevados dependen da situación socioeconómica e das fendas de xénero, que inflúen de forma negativa na capacitación e na dispoñibilidade, xa que o 51% das mulleres teñen persoas ao seu cargo, dende nenos e nenas a persoas con discapacidade ou de dependencia.

E resulta evidente que estas circunstancias aumentan a vulnerabilidade das persoas, en especial cando estamos a vivir unha crise estrutural como a actual tras dous anos de pandemia”.

O Centro de Información á Muller de Ponteareas atende consultas e ofrece apoio a calquera situación relacionada coa igualdade de oportunidades, aínda que dedica especial atención a situacións de violencia de xénero, xa que requiren unha actuación máis urxente e integral.

No ano 2021 recorreron a este servizo 159 mulleres en situación pasada ou presente de violencia de xénero. “Neste ámbito é fundamental a coordinación institucional, xa que algunhas mulleres chegan ao CIM derivadas doutros servizos como a Garda Civil, Servizos Sociais de Ponteareas ou doutros concellos ou do Centro de Saúde”, salienta Carrera.

Durante a crise sanitaria o CIM mantivo a súa actividade ao ser declarado un servizo esencial, aínda que as restricións e medidas sanitarias limitaron a posibilidade de desenvolver todas as accións para o pasado ano. Ademais dos servizos directos prestados á veciñanza, destacaron a participación na Mesa de Coordinación Interinstitucional fronte á violencia de xénero, a loita polos dereitos da comunidade LGTBI+ ou a posta en marcha do Plan de Igualdade de Oportunidades do persoal municipal do Concello de Ponteareas. A memoria completa pode consultarse na web municipal.

Marzo na aula CEMIT
A aula CeMIT de Ponteareas xa ten lista a programación para o vindeiro mes de marzo, no que se organizarán cinco novos cursos de balde pensados para “promover a inclusión no uso das novas tecnoloxías e achegar á veciñanza ferramentas que poden facilitar a vida cotiá a persoas de todas as idades e acabar coa fenda tecnolóxica”, como salienta o concelleiro de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico, Benito Márquez.

Unha das propostas para este mes de febreiro será un curso de mecanografía no ordenador, que terá lugar martes e xoves de 18.30 a 21.00 horas. Os e as ponteareáns tamén poderán asistir aos cursos de manexo básico de teléfonos móbiles os luns de 11.30 a 14.00 h e de informática básica, que será martes, mércores e venres de 16.00 a 18.30 horas.

A programación do mes de marzo contará ademais cun curso de procura de emprego en liña (mércores 2 e 9 de marzo, de 18.30 a 21.00 h) e con outro para achegar aos usuarios e usuarias aos trámites administrativos en liña (mércores 16, 23 e 30 de febreiro, de 18.30 a 21.00 h).

As persoas interesadas en realizar calquera destes cursos deben facer a súa preinscrición a través do espazo da aula CeMIT habilitado na web da Xunta.

Para máis información poderá contactarse coa aula CeMIT no correo electrónico cemit.ponteareas@xunta.gal ou chamando ou enviando unha mensaxe de whatsapp ao número 634 238 962 dentro do horario da aula, que estará aberta ao público os luns de 09.00 a 11.30 h e os venres de 18.30 a 21.00 h.