“O ascenso a Preferente é unha enorme satisfacción porque non era unha prioridade”

Enrique González Pedreira, “Quiño” | Presidente do SD Juvenil de Ponteareas

Enrique González Pedreira, “Quiño” asumiu no verán de 2024 a presidencia da Sociedade Deportiva Juvenil de Ponteareas. Dende entón implicouse na reestruturación e no rescate financeiro deste histórico clube do Condado. O recente ascenso á División Preferente confirma a solidez da súa xestión.

Por fin conseguido o ascenso. Agora a reforzar o equipo. Como está ese tema?
O ascenso a Preferente é unha enorme satisfacción para todo o club, especialmente porque ao inicio da tempada non era un obxectivo que contemplásemos como prioritario. Cando esta directiva asumiu a responsabilidade da entidade atopouse cunha situación económica moi complicada e cunha débeda importante que condicionaba calquera planificación deportiva. Por iso, desde o primeiro día, marcamos como principal obxectivo sanear o club e reducir progresivamente esa débeda ata deixala a cero.

O ascenso conseguido supera as expectativas iniciais e é o resultado do esforzo colectivo de moitas persoas. Queremos agradecer especialmente o apoio dos nosos patrocinadores e colaboradores, así como o respaldo institucional recibido por parte do Concello de Ponteareas, tanto da nosa alcaldesa como do tenente de alcalde, que contribuíron de maneira importante para que este proxecto puidese seguir avanzando. Por outra banda, este éxito non sería posible sen o extraordinario traballo realizado pola dirección deportiva, polo corpo técnico e por todos os xogadores que formaron parte desta tempada histórica. Queremos facer unha mención moi especial á Xunta Directiva, que durante meses realizou un traballo silencioso, constante e desinteresado. Tamén queremos destacar o papel fundamental do noso fútbol base. Debido ás limitacións económicas e deportivas coas que tivemos que convivir durante a tempada non sempre puidemos contar co número de fichas que nos gustaría ter no primeiro equipo. Nese sentido, o compromiso dos nosos xogadores cadetes e xuvenís foi exemplar. Moitos deles deron un paso adiante cando o equipo os necesitou, participando en adestramentos e partidos co sénior e demostrando que a canteira non só é o futuro do club, senón tamén unha parte moi importante do seu presente. Agora afrontamos unha nova etapa ilusionante, pero tamén moi esixente. A realidade é que o proceso de confección do equipo para competir en Preferente está a ser complexo. Esta categoría require un orzamento superior e unhas esixencias deportivas maiores, polo que debemos traballar con moita prudencia. O club segue centrado en continuar reducindo a débeda para deixala definitivamente a cero, porque entendemos que o futuro da entidade pasa por unha xestión responsable e sostible. Aínda queda moito camiño por percorrer nese aspecto e non imos comprometer a estabilidade económica do club con decisións que poidan hipotecar o futuro.

“Agora afrontamos unha nova etapa ilusionante, pero tamén moi esixente”

Tamén temos moi claro o perfil de xogadores que queremos incorporar. A nosa prioridade será seguir apostando por futbolistas de Ponteareas e da comarca, xogadores que se identifiquen cos valores do club e que entendan o que significa defender esta camiseta. Precisamos incrementar o número de socios, contar con máis persoas implicadas no día a día da entidade e seguir sumando apoios arredor dun proxecto que representa a todo Ponteareas.

Hai concertos cos equipos da zona para cesión de xogadores que puideran ser útiles ao Xuvenil? Cales?
O club mantén unha relación fluída con diferentes entidades da comarca e da provincia. Existen conversas e contactos permanentes con distintos clubs para estudar posibles colaboracións deportivas que poidan beneficiar a todas as partes. Neste momento estamos valorando diferentes opcións para reforzar os nosos equipos, pero por respecto ás negociacións abertas e ás entidades implicadas preferimos non adiantar nomes nin acordos ata que poidan materializarse oficialmente.

Campaña de socios. Supoño que xa está en marcha. Como son as cotas a pagar?
A campaña de socios está xa en marcha e será presentada oficialmente nos próximos días. O noso obxectivo é seguir incrementando a masa social do club, porque estamos convencidos de que o futuro da entidade pasa por contar cun maior respaldo da afección.
As cotas serán accesibles e buscarán facilitar que todas as familias, afeccionados e simpatizantes poidan formar parte deste proxecto. Agora máis que nunca necesitamos que a xente dea un paso adiante e se implique cun club que representa a toda a vila.

Contactos cos Poderes Públicos locais. Como está o tema? Están respondendo axeitadamente ou hai que “tirarlles das orellas”?
As relacións coas distintas administracións son cordiais e constantes. Desde a nosa chegada sempre atopamos disposición para escoitar as necesidades do club e colaborar dentro das posibilidades de cada institución.

Somos conscientes de que aínda quedan moitas necesidades por cubrir e moitos proxectos por desenvolver, especialmente no ámbito das infraestruturas e dos recursos para o deporte base. Por iso seguiremos traballando e dialogando coas administracións para conseguir as melloras que merece o noso club e a nosa afección. Confiamos en que esta nova etapa en Preferente sirva tamén para reforzar a colaboración entre o club e as distintas institucións públicas, sempre co obxectivo común de facer medrar o deporte en Ponteareas.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.