Festival de Cans: creáronse 110 postos de traballo durante os catro días do festival

O Festival de Cans converteuse na presente edición en moito máis que o gran acontecemento cultural do mundo rural en Galicia. Pouco a pouco, o certame está defininíndose tamén como un proxecto que demostra a importancia da cultura á hora de incrementar a riqueza e postos de traballo.

Na presente edición do 2017 foron 110 os postos de traballo xerados ao longo dos catro días de Festival. Desa cantidade, 41 persoas foron dadas de alta pola organización a través de contatación directa para cubrir tarefas como producción, cátering, merchandising, barras, transporte ou coordinación de diversas áreas. No tocante ao número de profesionais autónomos aos que o Festival contratou os seus servizos, 19 persoas desenvolveron o seu traballo en tarefas como deseño, comunicación e redes sociais, fotografía, realización audiovisual ou como técnicos de proxección. Ademais cabe destacar que outras 50 persoas traballaron no Festival de Cans a través de empresas contratadas específicamente para o evento, que desenvolveron o seu traballo e eidos como a iluminación, son, montaxe de carpas, limpeza e seguridade.

Estes dous últimos aspectos foi nos que o Festival experimentou este ano unha notable melloría, ao ser a limpeza e a seguridade dúas das maiores preocupacións da organización. Aparte de dúas persoas contratadas directamente polo propio Festival para limpar e desbrozar zonas de acceso público durante os 15 días previos á celebración do certame, outros 12 operarios -contratados a través dunha empresa de limpeza privada- mantiveron limpo continuamente todo o perímetro do evento na zona central da aldea distribuídos en quendas de día e de noite. Do mesmo xeito, nesta edición reforzouse Cans con ata 20 contedores entre os que se podían atopar tres illas de reciclaxe a través dun convenio coa empresa local de xestión de residuos Couceiro.

No esforzo por mellorar a seguridade, a organización requeriu tamén os servizos de dúas empresas de seguridade privadas, ás que se lles contrataron 14 gardas de seguridade para o sábado e o domingo. A gran afluencia de público durante estes dous días principais do Festival fixo que os autobuses que a organización contratou para que a xente evitase desprazarse en coche ata Cans, transportasen nesta edición un total de 3.000 persoas. Cada noite chegaron a funcionar ata tres autobuses, un deles un microbús adaptado para persoas con mobilidade reducida.

Economía de quilómetro 0
A filosofía do Festival de Cans implica contratar preferentemente os seus servizos a autónomos, empresas e pequeno comercio de O Porriño, promover o comercio de proximidade e favorecer na medida do posible o desenvolvemento dos negocios locais. Por iso, o Festival continúa fomentando a economía de quilómetro 0 contribuíndo a unha ocupación hoteleira do 100% e promovendo o consumo en establecementos e pequenos comercios locais.

Varias semanas antes do seu comezo, cubriuse por completo a oferta hoteleira da zona, polo que numerosas persoas tiveron que buscar aloxamento en Tui, Ponteareas ou Vigo. Ademais, a raíz da gran afluencia de xente que visistou as actividades do xoves do Festival -arredor dunha 2.000 persoas-, enchéronse todas as terrazas e os locais de hostelería próximos á Praza do Concello do Porriño e, durante a fin de semana, todos os negocios de hostelería de Cans estiveron ateigados ata ben entrada a madrugada esgotando, en diversas ocasións, existencias de comida e bebida.