Espazo Común amosa a súa repulsa ás multas a traballadoras do Asilo do Carballiño

Pachi Vázquez ofrece apoio legal ás afectadas para a presentación de alegacións

O Carballiño | “A persecución do alcalde do Carballiño cara aqueles que non lle dan palmadas nas costas e lle rín as bromas é cada volta máis patente, rozando comportamentos fascistas”, sostén Espazo Común nun comunicado.

Hai unhas semanas, as traballadoras do Asilo do Carballiño acudiron ao edificio consistorial para poñer de relevo a situación que teñen que padecer no seu ámbito laboral a causa da nova dirección imposta polo Padroado da Fundación Irmáns Prieto. “Un dos tres membros dese Padroado e cómplice necesario de todo o que acontece, é o alcalde do Carballiño”, asegura Espazo Común.

As mesmas traballadoras xa fixeran con anterioridade actos reivindicativos semellantes na Catedral de Ourense e no Bispado sen que tiveran problema algún. “O señor Fumega, que non tolera que ninguén lle leve a contraria, non só non tivo a valentía de ir a falar con elas naquel momento se non que enviou a un policía local a tomarlles os datos. O que en principio semellaba só unha pataleta, rematou en sancións de 600 euros para unhas veciñas do pobo que só usaban este acto para darlle máis visibilidade a unha problemática que xa tiña que estar resolta e que está a ter un alto custe laboral e emocional para moitas delas”, segundo Espazo Común.

Dende Espazo Común, “como levamos facendo dende hai máis de dous anos, tentaremos loitar pola defensa da Fundación, da institución e das traballadoras maltratadas. Por iso, Pachi Vázquez ven de ofrecerlles todo o apoio que precisen tanto legal coma de calquera tipo para a redacción dun prego de alegacións e para levar á Corporación do Carballiño calquera iniciativa que estas queiran tomar”.