Escolares de Tui e Tomiño participarán no Cross Escolar do Baixo Miño

Congregará a máis de 250 atletas na ribeira de Caldelas

Tui | A ribeira de Caldelas, en Tui, acolle mañá sábado, 12 de novembro, a partir das 10.30 h o Cross Escolar do Baixo Miño. Esta proba deportiva está organizada por AGRUDEBAM (Agrupación Deportiva do Baixo Miño) e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, en colaboración co Concello de Tui e a Comunidade de Montes de Caldelas.

Participarán máis de 250 deportistas dos CEIPS Nº1, Nº2, Pazos e Guillarei de Tui, Pedro Caselles, Tebra e IES Antón Alonso Ríos de Tomiño, así como do Club Atletismo Tegra.

A proba estará destinada as categorías benxamín (2014-2015), alevín (2012-2013), infantil (2010-2011) e cadete (2008-2009), organizándose as carreiras por categoría e por sexo, percorrendo as distancias de 500 metros na categoría benxamín, 1.000 metros na categoría alevín, 1.500 metros na categoría infantil e 2.000 metros na categoría cadete. Esta proba dará acceso á fase provincial, clasificándose os dez primeiros atletas individuais, así como os dous mellores equipos de cada categoría e sexo (os equipos estarán compostos por un mínimo de 3 atletas en categoría cadete e 4 no resto de categorías). Coa celebración esta fin de semana deste cross escolar e os que se celebraron os pasados días 3 e 4 de novembro en horario escolar, onde participaron máis de 1.500 deportistas, remarcan a ribeira de Caldelas de Tui, como un paraxe espectacular para a celebración de eventos deportivos.

Mercado de Nadal durante un mes
O Concello de Tui realiza unha firme aposta polo Mercado de Nadal, tras o éxito acadado nas edicións anteriores, por iso dende o 5 de decembro e até o 5 de xaneiro permanecerá aberto ao público no céntrico Paseo da Corredoira.

Así o Paseo da Corredoira inundarase da maxia do Nadal e dos produtos típicos desta época dende o próximo 5 de decembro. O Concello de Tui, a través do Departamento de Formación e Emprego, Igualdade e Xuventude, Comercio e Mercados, organiza o Mercado de Nadal no que poderán participar persoas artesás e comerciantes con produtos específicos destas datas coma alimentación, decoración, agasallos,…

Terán prioridade as persoas solicitantes que presenten produtos de carácter artesáns e os producidos a pequena escala. Valorarase que os solicitantes teñan razón social en Tui ou na comarca, a calidade, singularidade e carácter diferencial dos produtos que teñan á venda, variedade de sectores, que sexan producidos en Galicia, ou que a persoa solicitante estea en posesión da carta de artesán.

A participación no mercado é gratuíta aínda que as persoas expositoras deberán depositar unha fianza de 150 €. Durante o mercado deberán decorar os seus postos con motivos do Nadal.

A participación no Mercado de Nadal poderase solicitar no mes completo, entre o 5 de decembro e o 5 de xaneiro, ou ben nas quendas establecidas do 5 ao 11 de decembro, do 12 ao 18 de decembro, do 19 ao 24 de decembro e do 26 de decembro ao 5 de xaneiro.

Para participar deberán cubrir até as 23 h do domingo 20 de novembro o formulario en liña accesible en www.tui.gal, e remitir ao correo mercadonadaltui@gmail.com entre 4 e 6 fotografías representativas dos produtos que terán en exposición e venda.

O Mercado de Nadal celebrarase entre o 5 de decembro e o 5 de xaneiro no Paseo da Corredoira onde se instalarán 10 casetas de madeiras para acoller os postos. Abrirá de luns a xoves de 17 a 21.30 h, de venres a domingo, festivos e véspera de festivo tamén polas mañás de 12 a 14 h. Mentres o 24 e 31 de decembro abrirá só pola mañá e o 25 de decembro e 1 de xaneiro permanecerá pechado.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos