
Ourense | O delegado da Xunta, Manuel Pardo, asistiu ao acto de lectura do manifesto con motivo do Día do Dano Cerebral Adquirido, organizado pola Asociación de Dano Cerebral de Ourense (DCA), onde reafirmou o compromiso do Goberno galego coas persoas afectadas por esta discapacidade, impulsando recursos específicos de atención, programas de rehabilitación e medidas de apoio que favorecen a súa autonomía persoal e a súa plena participación na comunidade.
Fixo fincapé no traballo conxunto do tecido social e a Administración para seguir potenciando a atención e benestar das persoas con discapacidade, ao tempo que trasladou o compromiso da Xunta para seguir potenciando novos recursos e ofrecéndolles unha atención de calidade. Neste senso, Manuel Pardo, quixo destacar o traballo que realizan as entidades sociais que os acompañan cada día co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida.
Pardo puxo en valor o labor desta entidade, que leva dende 2002 traballando en favor da mellora da calidade de vida das persoas afectadas e das súas familias. O Día do Daño Cerebral, que se conmemora cada 26 de outubro, serve para sensibilizar a sociedade sobre as consecuencias desta lesión neurolóxica, que adoita ter unha importante repercusión na vida persoal, familiar e laboral das persoas afectadas.
Baixo o lema escollido, A vida continúa. O apoio tamén, este ano búscase dar visibilidade á realidade e necesidades do colectivo de persoas con dano cerebral adquirido e as súas familias, compartir os proxectos e actividades que levamos a cabo, fortalecendo o compromiso e a colaboración entre as distintas institucións e organizacións da nosa provincia, así como de reivindicar o seu dereito a unha vida plena e a súa inclusión social.




