Deputacións e concellos contribuirán a reconstruír unha vila mozambicana afectada polo ciclón

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade destinará á emerxencia 10.000 euros, que poden ampliarse con achegas das administracións locais

Pontevedra | O Fondo Galego de Cooperación destinará 10.000 euros a paliar a emerxencia xerada en Mozambique tras o paso do devastador ciclón Idai, facendo partícipes deste xeito ás tres deputacións e os 97 concellos que o integran da solidariedade internacional. A contía pode ampliarse coas achegas das administracións locais, socias ou non da entidade, que desexen sumarse á reconstrución da vila de Nhamatanda, unha das máis prexudicadas tanto polo furacán como polo brote de cólera que lle seguiu.

A axuda destinarase a garantir o abastecemento de auga e procurar refuxio para a veciñanza de Nhamatanda a través da asociación de municipios do país

A achega canalizarase a través da Asociación Nacional de Municipios de Mozambique (ANAMM), que identificou como prioridade a dotación de depósitos de auga, produtos para o seu tratamento, útiles de hixiene persoal e limpeza e mais materiais de construción para poder reparar vivendas e infraestruturas, que resultaron gravemente danadas. Cun censo que rolda os 25.000 habitantes, Nhamatanda é o municipio que presenta unha maior taxa de poboación empobrecida dos que resultaron máis afectados polo desastre meteorolóxico, de aí que o Fondo Galego decidise apoiar esta área, á que apenas chegou asistencia.

O Idai está considerado un dos peores ciclóns tropicais dos que se ten constancia en todo o hemisferio sur. A mediados de marzo tocou terra en Mozambique, onde provocou máis de 600 mortes. Unhas 400.000 persoas perderon os seus fogares, alén da destrución de pontes e outras vías de comunicación. Os terreos de cultivo ficaron completamente anegados, deixando a milleiros de familias sen os seus medios de subsistencia. Os servizos de educación e saúde víronse interrompidos e apenas hai acceso á auga potable.

A Asemblea Xeral do Fondo Galego, celebrada a finais de marzo, acordou canalizar a axuda de emerxencia a Mozambique a través de parceiros locais cos que xa tiña unha liña de traballo establecida. Preténdese así asegurar o impacto das achegas e reforzar aos municipios do país lusófono, garantindo a transparencia na xestión dos fondos, que se transferirán integramente á ANAMM para mitigar a situación de risco en Nhamatanda. As deputacións e concellos que desexen contribuír a esta causa poden poñerse en contacto coa Secretaría Técnica do Fondo Galego no enderezo electrónico acorzo@igadi.org ou no teléfono 986 843 436.

O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 97 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

Outros artigos