Deputación de Pontevedra expresa o seu pesar polo falecemento de Fran Teixeira

Histórico adestrador de balonmán durante máis de 30 anos
Fran Teixeira (á dereita) durante un acto da Deputación.

Pontevedra | A Deputación de Pontevedra expresou esta tarde, en nome da corporación e de todo o seu persoal, o pesar e as condolencias polo falecemento de Fran Teixeira, traballador da institución provincial amais de histórico adestrador de balonmán galego e estatal durante máis de 30 anos e protagonista indiscutible neste deporte na provincia.

A presidenta Carmela Silva trasladou “todo o noso agarimo a súa familia e amizades” e lamentou a desaparición de Fran a que definiu como “un grande do balonmán, un grande defensor do deporte de base na Deputación e unha moi boa persoa. Recordareino sempre, dixo a presidenta provincial e o meu agradecemento é infinito. Ata sempre amigo!”

Este mesmo verán Fran Teixeira recibiu na sede da Deputación en Vigo o recoñecemento das súas compañeiras e compañeiros da institución provincial nunha homenaxe ao que se uniu o mundo do balonmán, do deporte e do xornalismo, na que participaron xogadores aos que dirixiu, os presidentes das Federacións Española e Galega e compañeiros de adestramento.

“Fran Teixeira foi historia do balonmán, o técnico máis laureado do balonmán galego e adestrou á maioría dos equipos da provincia”

Fran Teixeira foi historia do balonmán, o técnico máis laureado do balonmán galego e adestrou á maioría dos equipos da provincia como o Teucro de Pontevedra, o Octavio de Vigo ou o Chapela, o seu último equipo durante 14 anos, amais do Santa Cristina, o Lavadores, o Lalín ou o Mercantil e en Portugal ao Sporting de Lisboa.

Teixeira tamén viviu a época dourada cando a provincia de Pontevedra foi coñecida como a Milla de Ouro do balonmán e cando ata catro equipos xogaron xuntos na Liga Asobal.

Coa súa morte desaparece un adestrador referente, un traballador apaixonado e un defensor a ultranza do deporte.