“A Cantaruxa Maruxa é un proxecto pioneiro e moderno de turismo rural”

Lorena Durán Quesado | Propietaria de A Cantaruxa Maruxa

Natural de Vilasobroso (Mondariz), Lorena Durán Quesado é bióloga de formación e profesión, con once anos de experiencia no mundo farmacéutico e como visitadora médica. Desde 2014 decidiu dar un xiro copernicano a súa vida persoal e profesional abrindo A Cantaruxa Maruxa, un proxecto familiar pioneiro como hotel rural.

A GDR Condado Paradanta vén de recoñecer o teu labor en materia de emprendemento rural con A Cantaruxa Maruxa. Qué nos podes comentar deste proxecto?
Esta era a casa dos meus avós maternos. A idea xurdiu en 2012 tras unha experiencia nun hotel rural co meu esposo e amigos. Comezamos entón a perfilar o noso proxecto de hotel rural dando paso aos trámites pertinentes. En 2013 comezamos a obra e abrimos un ano despois, en agosto de 2014. Desde 2017 temos o Certificado SICTED.

Por qué o nome de A Cantaruxa Maruxa?
Queríamos un nome atípico, un nome galego diferenciador. Gustounos este nome porque tamén é sonoro e notamos que era atractivo e que chamaba a atención. Hai xente que nos din que, cando pasan por aquí, se paran a mirar o nome e o local.

“Queríamos un nome atípico, un nome galego diferenciador”

Cóntanos un pouco como é o hotel rural por dentro?
Funciona como un mini-hotel. Consta de cinco habitacións, catro delas dobres e unha suite máis grande con bañera de hidromasaxe, servizos de limpeza, etc. As nosas tarifas inclúen almorzo (desayuno) e cea con reserva previa para os que están aquí aloxados.

En canto á procedencia dos clientes, son máis de carácter local ou doutras partes de Galicia e España?
Depende da época do ano. En tempada alta como verán ou Semana Santa veñen de toda España, sobre todo polas vagas de calor, especialmente de Andalucía, Levante, Cataluña e Madrid. En inverno traballamos máis con xente de Galicia, principalmente de Vigo e A Coruña. Temos moitos clientes que repiten ano tras ano, e tamén xente que se aloxa por traballo durante a semana. Facemos tamén o Outono Gastronómico.

En que consiste esta iniciativa?
É unha oferta promovida por Turismo de Galicia na que as casas rurais adheridas propoñen un menú de outono con produtos típicos da época e con denominación de orixe , incluíndo aloxamento, almorzo e cea a un precio reducido.

Tomando en conta a experiencia que xa tes no terreo, qué potencialidades en turismo rural ves a Ponteareas e o Condado Paradanta? Cres que é unha zona suficientemente coñecida?
Ten moito potencial pero é pouco coñecido.

Qué iniciativas cres que precisa a zona para a súa promoción turística?
Depende tamén do apoio de arriba, a nivel institucional. Precísase investir diñeiro, así como en publicidade. A traves das nosas redes sociais promovemos tamén os lugares máis atractivos para visitar. Os Concellos da zona están comenzando a preocuparse e atender as necesidades do turismo pero aínda fai falla moito camiño por percorrer.

Con máis dunha década con este proxecto, tes outras iniciativas en mente?
Desde 2023 estamos xestionando unha vivenda de uso turístico en Vilasobroso que se chama Villa San Martín.

“Outro aspecto relevante que nos fai singulares e diferentes ten que ver con que todo o facemos nós e con produtos nosos”

O recoñecemento da GDR estivo igualmente focalizado en torno ao Día Internacional da Muller. Coñeces outros casos similares de emprendemento feminino en casas rurais na zona?
Cando comezamos existía algunha casa rural pero era baixo outro concepto. Polo tanto nós fumos na zona os pioneiros en canto a aloxamento moderno, cun concepto diferente do que é o turismo rural, menos rústico e tradicional. Nós lle dimos unha volta a ese concepto e agora notamos que hai máis casas rurais. Outro aspecto relevante que nos fai singulares e diferentes ten que ver con que todo o facemos nós, o meu marido mais eu, e con produtos nosos, tales como as mermeladas, repostería, iogures, con laranxas e fresas da nosa horta.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.