Carme da Silva (BNG): “Baltar debería ter sido cesado o día que circulou a 215 qm/h”

A senadora do BNG cualifica de “vergoñenta” a irresponsabilidade do senador popular

Madrid | Ante a aprobación do suplicatorio de Baltar na cámara alta, a senadora do BNG, Carme da Silva, sinala que esta situación “nunca se tería que ter producido” porque “o que foi presidente da Deputación de Ourense debería ter sido cesado o propio día que circulou a 215 qm/h”. Da Silva culpabiliza o Partido Popular por “apoiar, encubrir e incluso premiar” a Baltar propóndoo e votándoo como senador por designación autonómica.

A decisión do Tribunal Supremo confirma que existen “indicios moi graves” cometidos por Baltar “no exercicio de cargo público e por riba con recursos públicos”. Os feitos polos que está sendo investigado o antigo presidente do PP de Ourense remóntanse ao pasado 23 de abril de 2023 cando, sendo presidente da Deputación, Baltar foi interceptado a 215 quilómetros por hora na A-52. Segundo o informe da Garda Civil de Tráfico, ía ao volante dun coche propiedade do organismo provincial.

“Estes feitos constitúen, de por sí, unha barbaridade e unha vergoñenta irresponsabilidade que converten a Baltar nun perigo público” asevera a senadora do BNG. “As persoas non poden estar por riba das institucións, os cargos públicos deben de ser exemplares e é unha absoluta vergoña para todos os galegos e galegas que esta persoa fose premiada polo Partido Popular converténdoo en senador por designación autonómica” denuncia da Silva.

Frente a esta actitude de Baltar e o silencio indignante do PP, o BNG ten claro que “ninguén é impune e que non todo vale”.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.