O conselleiro de Cultura no Día do Libro en Ourense

“É fundamental a colaboración entre as administracións”

Ourense | O presidente provincial, Luís Menor Pérez, recibiu ao conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, no seu primeiro acto público en Ourense, que consistíu unha visita institucional aos dez expositores que a Asociación provincial de Libreiros instalou na cidade con motivo do Día do Libro, sendo unha actividade organizada pola Deputación, en virtude dun convenio de colaboración con este colectivo.

Na visita tamén estiveron presentes o secretario xeral da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Anxo Lorenzo; así como a xefa de servizo de Coordinación Cultural na provincia de Ourense, Sandra Quintas; e o director da área de Cultura da Deputación, Marcos Vázquez Guzmán.

Luís Menor desexoulle a López Campos “os maiores acertos no profesional” e brindoulle a cooperación da Deputación, “para sacar adiante moitos proxectos e dinamizar aínda máis a nosa provincia”.

O conselleiro de Cultura secundou as palabras do presidente da Deputación, sinalando como “fundamental” a colaboración entre administracións “en todos os eidos da administración e a xestión pública, pero de xeito moi especial na parte que lle corresponde á Consellería de Lingua, Cultura e Xuventude”, explicou José López Campos. Na foto o novo conselleiro de Cultura no Día do Libro en Ourense.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.