Deputación da Coruña inviste case medio millón de euros en apoio a programas sociosanitarios

As axudas benefician a un total de 31 entidades da provincia

Deputación da Coruña | A Deputación da Coruña apoia con 498.332,27 euros o mantemento de programas sociosanitarios de 31 entidades sen ánimo de lucro da provincia.

Estas axudas permitirán financiar servizos de apoio psicolóxico e de atención e información permanente, orientación e asesoramento; terapias de rehabilitación; charlas; foros; campañas de sensibilización; programas formativos; ou xornadas técnicas, entre outras actividades.

A Deputación publica no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a concesión provisional das subvencións. As contías van desde os 1.000 euros ata os 40.000 e delas benefícianse entidades que “prestan un improtante servizo á sociedade coruñesa, contribuíndo a garantir o benestar das persoas” indica a deputada de Benestar Social da Deputación, Ana Lamas.

“O traballo que levan a cabo estas asociacións é esencial para mellorar o nivel de vida de moitas persoas, así como para concienciar á sociedade sobre certas doenzas. Desde a Deputación queremos estar aí e apoiar este labor que beneficia cada ano a miles de cidadáns e cidadás”

“O traballo que levan a cabo estas asociacións é esencial para mellorar o nivel de vida de moitas persoas, así como para concienciar á sociedade sobre certas doenzas. Desde a Deputación queremos estar aí e apoiar este labor que beneficia cada ano a miles de cidadáns e cidadás, moi necesario sobre todo en momentos como o que estamos a vivir pola pandemia”, destacou Lamas.

Apoio a entidades labregas, gandeiras, forestais e de caza
Paralelamente, a Deputación da Coruña apoia este ano con 403.000 euros as actividades e investimentos das entidades asociativas agrarias, labregas, gandeiras, forestais e asociacións de cazadores da provincia durante o ano 2021.

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) anuncia hoxe a convocatoria das subvencións para actividades, cun orzamento total de 285.000 euros, que distribuirán axudas entre os 8.000 euros e os 24.000 euros.

A través delas, o ente provincial pretende impulsar os proxectos de valorización e comercializarión das producións agrarias, gandeiras e forestais; prevención de incendios; desbroces, sementeiras vexetais, seguros e gardería do TECOR; asesoramento e formación para a investigación, mellora e innovación tecnolóxica; fomento do uso de novas tecnoloxías, enerxías renovables e aforro enerxético; e accións de mellora da calidade xenética.

As subvencións permitirán financiar a contratación de persoal, as labores de implantación e acondicionamento de cultivos, os tratamentos silvícolas para previr incendios ou a formación e asesoramento técnico para supervisión do proxecto.

O deputado responsable da área de Promoción Económica, Blas García, sinalou que este programa permitirá “apoiar a un sector de grande importancia social e económica na provincia e en toda Galicia”. O prazo de presentación de solicitudes anunciarase a través do BOP e deberá realizarse vía telemática a través da plataforma SUBTeL da Deputación.

Estas axudas súmanse ás xa convocadas pola Deputación o pasado mes de marzo para apoiar a estas entidades nos investimentos. Un progama de 118.000 euros co que a institución provincial apoia as construcións, compra de maquinaria, útiles e equipos de proceso de información para o desenvolvemento das tarefas destas agrupacións. Estas axudas oscilan entre un mínimo de 1.000 euros e un máximo de 24.000 euros.