Concello e COGAMI asinan convenio de atención temperá en Ponteareas

Aumentando nun 25% a capacidade de atención do servizo

Ponteareas | O Concello asina o convenio coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) que permite rematar coa lista de agarda no servizo de Atención Temperá. No acto, participou a alcaldesa, Nava Castro e a concelleira de Benestar Social, Raquel Plana, así como o presidente e o responsable de COGAMI, Anxo Queiruga e Álvaro García, respectivamente.

Grazas a este acordo, o Concello aumenta a capacidade de atención nun 25% e atende xa a 44 nenos e nenas que precisan dun programa específico de intervención por presentar algunhas dificultades no seu desenvolvemento. Estas cifras supoñen rematar coa lista de agarda que existía no servizo de Atención Temperá en anos anteriores.

Para iso, a administración local incorporou novos profesionais especializados en eidos como na neuropsicoloxía ou en trastornos da linguaxe e da audición grazas a unha subvención que lle concedeu a Consellería de Política Social por un valor de 144.000 euros.

Neste sentido, a edil de Benestar Social, Raquel Plana, apuntou que “apostamos por reforzar e ampliar aqueles servizos que dan cobertura ás persoa que precisan dos recursos públicos” e apuntou que “con tes acordo damos un paso máis para conseguir unha sociedade máis equitativa e igualitaria”.

Pola súa banda, a alcaldesa, Nava Castro, indica que “xuntos e xuntas construímos unha sociedade máis inclusiva na que todas as persoas podemos desenvolver as nosas capacidades” e pon en valor o traballo dos profesionais deste servizo “que traballan cos nenos e coas nenas así como coas súas familias, acompañándoas no proceso”.

O presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, indicou que “este acordo co Concello de Ponteareas será un referente a nivel autonómico por ser o primeiro concerto social” agradeceu a “sensibilidade da administración local para facilitarlle a vida das persoas que precisan de axuda”. Ademais, o responsable do servizo, Álvaro García, apuntou que “este acordo permitirá garantir a autonomía dos nenos e das nenas”.

Nava Castro, presente na Comisión de Cultura e Patrimonio da FEMP
A alcaldesa, Nava Castro, representará á vila e a provincia na Comisión de Cultura e Patrimonio da Federación Española de Municipios e Provincia (FEMP). O órgano constituíuse hoxe en Madrid e ten como obxectivo poñer o foco de atención nos asuntos que preocupan ás diferentes localidades no referido a estas materias.

Deste xeito, Castro será membro do órgano que eleve as cuestións relativas ao patrimonio e a cultura ata a Xunta de Goberno da FEMP e fará fincapé naqueles aspectos que teñan que ver co municipio así como coa provincia.

A designación da alcaldesa como parte desta comisión é un recoñecemento nacional cara a súa implicación no coidado e divulgación do legado histórico e da súa capacidade para promover diferentes iniciativas que buscan a promoción da contorna cultural e patrimonial.

A alcaldesa, Nava Castro, agradeceu o seu nomeamento como parte desta Comisión e apuntou que “traballaremos arreo para seguir defendendo o noso patrimonio e promover o acceso á cultura a todos os veciños e as veciñas”.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.