Concello das Neves reclama o 100% do custo do servizo de axuda no fogar

Tras ser informado do aumento de horas asignadas para a prestación deste servizo

As Neves | Nunha reunión telemática mantida o pasado mércores 20 polo o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Mendez,a Concelleira de Benestar Social, Pilar González Santos, coa delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, o Concello das Neves foi informado do aumento de horas asignadas para a prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF); o que supón unha subida de 552 horas, e que sitúa As Neves en 20.364 horas de SAF, o que representa un incremento do 2,7% respecto de 2020.

Actualmente o Concello ten de alta 35 persoas usuarias do servizo de SAF de dependencia. O importe por hora que custa o servizo é de 12,98 €, que é aboado co co-pagamento das persoas usuarias, a aportación da Xunta, e a aportación do Concello, do seguinte xeito:  a Xunta fai unha aportación máxima de 9,70€/hora nos casos de co-pagamento 0€, e nos de maior aportación polos usuarios e usuarias, a aportación da Xunta diminúe de xeito proporcional á capacidade económica da persoa usuaria. No caso das Neves, do total de persoas usuarias, 11 teñen o servizo gratuíto, e das restantes, a media de aportación é de 2,5 €/hora.

Con isto o Concello ten que aboar a diferenza ata cubrir a totalidade do custo do servizo, que se aproxima aos 300.000 € anuais, “asumindo unhas competencias impropias sen financiamento”, subliña o alcalde. É certo que contribúen a un maior benestar do colectivo social destinatario do servizo, pero “lastran os capítulos de inversión ou os de competencias directas, e prexudican ao conxunto do orzamento municipal”, sinala Xosé
Manuel Rodríguez.

Por esta razón, o Concello reclama a asunción das competencias propias por cada administración ou, que se doten con suficiencia económica as delegadas ou atribuídas, neste caso, aos concellos.