Club Natación Ponteareas triunfa no campionato de España júnior-absoluto

Con 5 medallas, varias marcas persoais e o récord no 4x100 estilos feminino

Ponteareas | Sabadell acolleu o campionato de España júnior-absoluto de natación do 20 ao 24 de xullo. A piscina Can Llong foi testemuña de 5 xornadas trepidantes de competición con numerosos logros, récords e medallas. Moitas caras coñecidas , referentes na natación europea e olímpica estaban convocados a esta competición.

O formato open permitía a presenza de nadadores e nadadoras extranxeiros, o que engadía nivel a unha cita deportiva agardada por moitos deportistas.

O CNPonteareas acudía a este evento cun equipo formado por Inés Borge, Naiara Eijo, Carla Faro, Sofía Carballo e Iria Lemos e polo nadador Pablo Cabana, que a próxima tempada adestrará na Wingate University de Estados Unidos.

Sofía Carballo, na categoría Júnior acadou as medallas de ouro nos 200 braza e de prata nos 400 estilos e 100 braza. Nesta última proba fixou, ademais, récord galego absoluto, converténdose na nadadora galega máis rápida nesa distancia e estilo, récord que posuía até o de agora a nadadora olímpica Bea Gómez.

Pola súa banda, Iria Lemos acadou a prata nos 100 libre e o bronce nos 100 bolboreta na categoría junior.

Ademáis destas medallas, e equipo acadou varias mellores marcas persoais (M.M.P.) e o asinou tamén o récord do club nas remudas femininas de 4×100 estilos.

O edil de Deporte, Miguel Bouzó, quere enviarlles os parabéns a todos os nadadores e nadadoras participantes no campionato en nome do Concello e asegura que “todos estes éxitos están fundamentados no traballo e esforzo diario nos adestramentos”.

Tamén dende a direccion técnica do club móstranse moi orgullosos da capacidade de superación dos nadadores e nadadoras do club do condado e aplauden os resultados neste último evento.