Bueu impulsa o I Festival Internacional de Jazz do 7 ao 10 de Xuño

• Entre as actividades haberá concertos na Praza Massó e jazz sessions ao mediodía en diversos establecementos hostaleiros

Bueu | A Asociación de Jazz de Bueu e o Concello de Bueu promoven o I Festival Internacional de Jazz de Bueu, que se celebrará do 7 ao 10 de xuño en diversas localizacións da vila e que incluirá un total de sete actividades. Así o salientaron na rolda de prensa celebrada este xoves no 2º andar da Praza de Abastos, na que estiveron presentes Félix Juncal, alcalde de Bueu, Xosé Leal, concelleiro de cultura e Chus Pazos, presidente do colectivo impulsor, amais doutros músicos participantes no evento.

Leal destacou que o festival se organiza neste mes de xuño dado que coincide o Día da Música o 21, polo que “quixemos apostar por un evento de jazz que nace dende unha asociación e que nos últimos tempos está gañando adeptos”. Esta idea tamén foi apuntada polo alcalde, que puxo o foco de atención no apoio que mostrou o sector privado a este evento, no que se simboliza a “unión de todos os axentes sociais que temos algo que achegar a favor da cultura”.

Tal e como explicou Chus Pazos, neste festival agárdase a presenza de varios músicos internacionais (o baterista iraní Shayan Fathi, o baixista holandés Felix Barth e o saxofonista italiano Rosollino Marinello), das distintas comunidades da Península e cun especial protagonismo de músicos galegos.

A programación arranca o 7 de xuño cun concerto a cargo do Cuarteto do cantante e saxofonista lucense Antonio Otero, que se celebrará ás 21.00 h no Farol, e que combinará un espectáculo vibrante, cheo de swing e bo humor. Xunto a el estarán Álvaro Vieito á guitarra, Juansi Santomé ao contrabaixo e Antón Iglesias á bateria.

O 8 e o 9 celebraranse dous concertos centrais na Praza Massó con acceso de balde. O venres, a partir das 22 horas, será a quenda de JUZZ, a banda liderada polo guitarrista galego Virxilio da Silva quen, xunto a Rosalino Marinello, Álex Salgueiro, Xan Campos, Felix Barth e Iago Fernández, ofrecerán un espectáculo que mestura o rock máis psicodélico e ácido de finais dos sesenta co pop avant – garde máis experimental, o noise, o stoner e o jazz, e que procura a liberdade e a esencia subversiva.

O sábado, á mesma hora, a cidadanía poderá escoitar a música de Antonio Lizana Group, un saxofonista e cantante gaditano, expresivo, fresco, persoal e convincente, que introduce sabores e cores propias da súa terra, cun estilo que navega entre o flamenco e o jazz, lonxe do convencionalismo.

No programa tamén se inclúen dúas jam sessions e outras de jazz de mediodía en diversos locais hostaleiros da vila. Felipe Villar Trío actuará o 8 de xuño a medianoite no B-Living para ofrecernos composicións orixinais dos seus últimos discos “Home” e “Outro”, coa compañía do contrabaixista José Manuel Díaz e o baterista Max Gómez. O sábado tamén a medianoite actuarán no Aturuxo o Cuarteto de Sunil López, unha banda formada por Diego Alonso, Álex Touceda e Héctor Agulla, que presentarán temas que van desde o jazz máis tradicional ao contemporáneo, con tintes doutros xéneros como o rock ou a música clásica.

Finalmente están as sesións de jazz de mediodía. Precisamente, M.G.V. Trío actuará o sábado ás 13 horas no Leña Verde, da man de Miguel González (unha das novas promesas do jazz na nosa comunidade), Brais López e Íñigo Azurmendi, que farán as delicias das persoas asistentes cun espectáculo de jaxx vibrante, tanto polo dominio do instrumento coma pola calidade da linguaxe. E pecharán estas sesións, Pablo Sanmamed Trío o domingo ao mediodía en La Perfecta. O artista estará acompañado por Iago Mouriño e Bruno Couceiro, cos que se atreverá con composicións propias e revisitacións de compositores como o exipcio Ibraim Al Aryan ou Ariel Ramírez.

A Asociación de Jazz de Bueu naceu en xuño do pasado ano e xa ten organizado un Festival de Entroido Swing en Bueu, amais de impartir talleres musicais de jazz na Casa da Música Manuel Omil.