
Ponteareas | A deputada de Igualdade e Benestar Social da Deputación de Pontevedra, Paula Bouzós, fixo entrega esta mañá á Asociación Avelaíña da placa acreditativa como entidade beneficiaria do programa “Provincia +inclusiva”, xunto á concelleira de Benestar Social de Ponteareas, Raquel Plana.
A través desta liña de axudas da Deputación, Avelaíña desenvolverá o proxecto Neuroavanza, unha proposta centrada na rehabilitación cognitiva e na inclusión dixital das persoas usuarias. A iniciativa permitirá avanzar na mellora da autonomía persoal, reducir o illamento social e favorecer a participación activa das persoas con problemas de saúde mental na vida cotiá.
O proxecto contempla, entre outras actuacións, a incorporación de novos equipos informáticos e ferramentas especializadas como o software de rehabilitación cognitiva, que posibilita unha intervención adaptada ás necesidades individuais de cada persoa usuaria, reforzando así a atención terapéutica e o acompañamento integral. Durante o acto, tanto a deputada como a concelleira destacaron a importancia de seguir apoiando ao tecido asociativo que traballa no ámbito social, subliñando o papel fundamental de entidades como Avelaíña na construción dunha sociedade máis xusta, accesible e inclusiva.
Pola súa banda, desde o Concello de Ponteareas puxéronse en valor este tipo de programas que contribúen a avanzar na igualdade de oportunidades e no benestar da cidadanía, ao tempo que se reforza a colaboración entre administracións e entidades sociais do territorio. Con esta iniciativa, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Ponteareas continúan a impulsar políticas que promoven a inclusión e a accesibilidade universal, situando ás persoas no centro das accións públicas.




