Asociación Avelaíña inaugura un novo centro de rehabilitación en Ponteareas

En materia psicosocial e laboral

Ponteareas | A Asociación Avelaíña conta desde hoxe cun novo centro de rehabilitación psicosocial e laboral en Ponteareas. A entidade inaugurou este martes estas novas instalacións coa presenza da alcaldesa ponteareá, Cristina Fernández Davila; do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; da presidenta da asociación, Fernanda Orduna; da concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera; así como de autoridades sanitarias do SERGAS, alcaldesas e alcaldes das comarcas da contorna, xunta directiva, familiares e usuarios e usuarias da asociación.

Fernández Davila quixo agradecer unha vez máis “o labor tan importante que Avelaíña leva anos desenvolvendo na vila, unha función esencial e imprescindíbel nas políticas de saúde pública”.

O Concello de Ponteareas colabora dende hai anos coa asociación apoiando o programa de integración de persoas con enfermidade mental no seu ámbito comunitario, o Programa Achego, un programa iniciado en Ponteareas que é referente incluso a nivel nacional e que inclúe medidas como obradoiros para mellorar a calidade de vida dos usuarios e usuarias, dos seus familiares e achegados e mellorar a súa atención na súa contorna psicosocial e comunitaria máis próxima.

Durante o ano pasado, a asociación Avelaíña atendeu en Ponteareas arredor de 40 persoas e familias ás que lles prestou o servizo de información e asesoramento, de apoio psicolóxico ou de apoio comunitario. Ademais, ao abeiro do programa de integración, só no ano 2020 a entidade realizou 411 actuacións individuais na comarca, 167 coordinacións, 40 servizos de acompañamento comunitario e 32 actividades.

“Avelaíña traballa dende hai 25 anos na comarca para potenciar a inclusión das persoas con problemas de saúde mental mediante a promoción da súa calidade de vida e da dos seus familiares. E para nós é un orgullo ver como a asociación vai crecendo e incorporando novos servizos fundamentais para a nosa contorna”, salientou a edil de Benestar.

O novo centro de rehabilitación, situado na rúa dos Carballos, contará con 30 prazas concertadas polo SERGAS para persoas con enfermidades mentais das comarcas do Condado, A Paradanta e Salceda de Caselas. Con 314 metros, este novo centro suporá un salto cualitativo na atención das persoas con enfermidade mental das comarcas e permitirá prestar unha atención máis continuada, acabando coa saturación do Programa Achego.

A presidenta de Avelaíña, Fernanda Orduna, salientou que “con este novo centro preténdese mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental e das súas familias, así como manter á persoa enferma na contorna comunitaria, dar apoio ás familias e prestar servizos de rehabilitación psicolóxica e social mediante unha atención integral”.

Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, comprometeuse a que en abril comece a funcionar a Unidade de Saúde Mental para adultos de Ponteareas, un servizo demandado dende hai moitos anos e moi necesario para a comarca, complementario ao inaugurado este martes. García Comesaña asegurou que a unidade, que dará servizo a toda a comarca, contará con 4 profesionais que comezarán a súa actividade en horario de tarde mentres non se realizan as reformas para habilitar os novos espazos no centro de saúde.

Outros artigos