Asociación Avelaíña atendeu a máis de 73 persoas usuarias e familias en Ponteareas

Ao longo do 2020
A asociación instalou unha mesa informativa no Centro Social de Ponteareas no marco do Día Mundial da Saúde Mental.

Ponteareas | En Galicia máis de 80.000 persoas contan con certificado de discapacidade por enfermidade mental, máis de 24.000 delas na provincia de Pontevedra, sendo xa a segunda causa de discapacidade despois da física. Uns datos que reflicten que se trata dun problema cunha amplísima repercusión tanto nos propios veciños e veciñas como nas súas familias.

Dende hai case 25 anos a Asociación Avelaíña traballa para potenciar a inclusión das persoas con problemas de saúde mental mediante a promoción da súa calidade de vida e da dos seus familiares. Só no que vai de ano, a entidade atendeu en Ponteareas a 37 persoas e familias ás que se lle prestou o servizo de información e asesoramento, de apoio psicolóxico ou de apoio comunitario.

Ao longo de 2020, a asociación traballou en Ponteareas con 46 usuarios e usuarias e 27 familias levando a cabo un conxunto de intervencións dirixidas a previr a exclusión social das persoas con problemas de saúde mental de forma presencial, telefónica ou en domicilio.

Este xoves, dentro da campaña de visibilización e sensibilización realizada ao abeiro do Día Mundial da Saúde Mental, Avelaíña estivo cunha mesa informativa no Centro Social de Ponteareas para achegar a saúde mental á veciñanza, dando como agasallo unha chapa co lema deste ano: ‘Saúde mental, un dereito necesario’.

A concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, e o de Mocidade e Voluntariado, Miguel Bouzó, visitaron a mesa e agradeceron unha vez máis o importante labor que están a desenvolver dende Avelaíña no municipio e na comarca do Condado.

“A crise sanitaria foi especialmente dura coas persoas con problemas de enfermidade mental, polo que Avelaíña e todo o equipo de profesionais que ten detrás converteuse nun apoio imprescindíbel para estas persoas e as súas familias”, salientou a edil.

O Concello de Ponteareas colabora coa asociación no financiamento do Programa de integración de persoas con enfermidade mental no seu ámbito comunitario, que inclúe unha serie de obradoiros que teñen como obxectivos mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental e dos seus familiares e mellorar a súa atención na súa contorna psicosocial e comunitaria máis próxima.

“O Concello de Ponteareas colabora coa asociación no financiamento do Programa de integración de persoas con enfermidade mental no seu ámbito comunitario”

Un proxecto piloto no que un equipo de profesionais se desprazan ata os domicilios das persoas que polas características da súa enfermidade teñen algunha limitación que lles impida acceder a outros recursos da propia comarca, con atención e intervención de proximidade especialmente no ámbito rural e acompañamento comunitario ás familias, potenciando o desenvolvemento dunha rede de axuda mutua. Soamente no 2020 ao abeiro deste programa Avelaíña realizou 411 actuacións individuais na comarca, 167 coordinacións, 40 servizos de acompañamento comunitario e 32 actividades.

Avelaíña é unha entidade sen ánimo de lucro declarada Entidade de Utilidade Pública en 2010 que traballa dende 1997 para potenciar a inclusión das persoas con problemas de saúde mental mediante a promoción da súa calidade de vida e a dos seus familiares. Tras 24 anos de traballo, na actualidade a asociación está integrada por 18 profesionais e máis de 400 persoas socias con enfermidade mental, familiares, coidadores e persoas sensibilizadas ante este problema de saúde.

Na actualidade presta na comarca do Condado, entre outros, servizos de información e asesoramento e de atención sociosanitaria a través do Programa Achego, que conta cunha Unidade de Apoio Comunitario en Saúde Mental pensada para a poboación eminentemente rural, adaptándose ás súas necesidade e horarios, con atención a domicilio, soporte psicosocial, apoio a familiares e persoas coidadoras e coordinación dos servizos sociosanitarios e comunitarios dispoñíbeis.