As adegas promocionarán os viños de autor no Enofestival Ourense

O certame márcase como obxectivo promocionar a cultura do viño, contando coa presenza de adegas e colleiteiros da provincia de Ourense
Enofestival Ourense
Adega Vella, da Abeleda (A Teixeira)

Ourense | As Festas de Ourense 2017 amplían a súa programación co Enofestival Ourense 2017, que se celebrará o día 1 de xullo, de 20:30 a 0:30 horas. O certame márcase como obxectivo promocionar a cultura do viño, contando coa presenza de adegas e colleiteiros da provincia de Ourense, cun perfil definido: viños auténticos, de “autor”, deses que “namoran” ao consumidor, que priman o respecto ao viñedo e utilizan os métodos máis tradicionais, apoiados nas novas tecnoloxías. Para buscar unha “maridaxe” perfecta, festiva e atractiva, a gastronomía estará presente con propostas locais “Qm 0”. A música será tamén fío condutor do evento, en formato festival, con 3 grupos enmarcados no estilo pop-rock actual.

Esta terceira edición do Enofestival Ourense volve apostar polo Bulevar Termal de As Burgas, un lugar emblemático da cidade, cun recinto axardinado idóneo para a celebración de eventos de pequeno formato. O elenco musical da edición 2017 sobe enteiros, coa presenza de importantes bandas do panorama nacional. MCarballo Band será a representación ourensá. Un grupo consolidado co guitarrista Manuel Carballo como maior referencia. Seguiranlle no escenario The Limboos, un dos grupos máis importantes do Rhythm and Blues na escena nacional. Banda emerxente, chamada a ocupar un lugar destacado nos vindeiros anos.

E como colofón, Arizona Baby, banda cun estilo pop-country característico, que triunfa xa en toda España, tras unha sólida traxectoria de 14 anos e 4 discos editados. Formada por Javier Vielba (voz e guitarra), Rubén Marrón (guitarra) e Guillermo Aragón (batería e percusións), músicos que compatibilizan a banda con proxectos en solitario e a colaboración con outro referente como son Los Coronas nun proxecto paralelo: Corizonas.

A banda de Valladolid, é unha presenza habitual nos mellores festivais pop-rock nacionais, ven darlle un salto de calidade a esta terceira edición del festival. Para acompañar a música, estarán presentes 6 adegas das denominacións de orixe de Ourense, que ofrecerán os seus viños ás persoas asistentes. Tamén haberá unha zona de gastronomía, e venderanse bebidas sen alcol. O evento ten aforo limitado, para garantir a comodidade e seguridade dos asistentes.