Acto institucional do 8M en Porriño

A alcaldesa Eva García afirma "As mulleres estamos ante un 'tempo de excepción'"

O Porriño | “Estamos en tempo de excepción: se nos chaman feminazis por defender os nosos dereitos, pois a moita honra, porque as mulleres o que queremos é facer as cousas do mesmo xeito que os homes”, dixo Eva García, alcaldesa de Porriño no acto institucional do 8M celebrado hoxe nesta vila.

“Vimos de ver o que ten pasado en Andalucia: a ameaza de partidos que pretenden arrebatarnos dereitos que creíamos ter gañado para sempre; por eso digo que estamos en tempo de excepción” manifestou na súa intervención diante da Casa Consistorial co gallo do 8 de Marzo.

“As mulleres fan Porriño”, lema da campaña institucional do Concello presidiu a concentración na que participaron hoxe varios centos de veciñas e veciños na praza Arquitecto Antonio Palacios. Eva García sinalou que “hoxe dou grazas por terme permitido ser a vosa alcaldesa e poder ver esta praza completamente chea de mulleres e homes de Porriño pedindo a igualdade”.

Tanto a alcaldesa de Porriño coma o goberno municipal, funcionarias e traballadoras do Concello sumaronse hoxe a folga xeral feminista para reclamar a igualdade real de oportunidades e dereitos entre homes e mulleres.

“Queremos ir polas ruas tranquilas; queremos cobrar o mesmo cos homes; non queremos que nos cosifiquen; queremos ter os mesmos dereitos que teñen os homes” engadiu na sua intervención a alcaldesa porriñesa.

Finalmente invitou á veciñanza a sumarse esta noite á manifestación que terá lugar en Vigo para a que o concello fletou autobuses a fin de facilitar o transporte.

Eva García xunto coa concelleira de Servizos Sociais, Soledad Girón así como a concelleira non adscrita Sabela Landín e tamén representantes de “Eu son” fixeron uso da palabra no transcurso do acto que rematou ca entrega de rosas brancas a todalas mulleres que asistiron.

A campaña “As mulleres fan Porriño” coninuará ata o 13 de marzo. Entre os diversos actos programados destaca a celebración dunha mesa redonda, prevista para o martes 12 que contará coa presenza de Leire Pajín, ex ministra de Igualdade; Carmen Avendaño, presidenta de “Erguete” e Carla Reyes, xornalista e presidenta de “Executivas Galicia”.

Outros artigos