Acondicionamento do Centro Cultural da parroquia de Guillade en Ponteareas

Concello iniciou as obras de remodelación

Ponteareas | O Concello continúa coa súa aposta pola remodelación dos centros culturais ponteareáns. Xa están en marcha as obras de acondicionamento do Centro Cultural da parroquia de Guillade, uns traballos cos que se habilitará parte do edificio e que permitirán implantar unha actividade sociocultural para a veciñanza.

“Queremos complementar as instalacións e todo o que se está desenvolvendo nestes intres no centro, que conta xa cun espazo polivalente que dispón de escenario e que se destina a actuacións, reunións, charlas, cursos e a unha morea de actividades”, explica a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, que visitou os traballos que se están a desenvolver acompañada do concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

Con estas obras terminarase de acondicionar o volume norte do edificio, situando na planta baixa unha cafetería con cociña, almacén, aseos adaptados e acceso independente a través da fachada norte, “permitindo o seu uso en horarios de actividade independentes aos do centro cultural”. Ademais, na planta superior situarase unha oficina para a xestión de actividades do centro e unha sala de uso polivalente. O proxecto suporá un investimento de case 90.000 euros financiados a través dun préstamo sen xuros da Deputación de Pontevedra.

A obra “Invisibles” no IES Val do Tea
O alumnado do IES Val do Tea dá un paso máis no seu traballo a prol da igualdade subíndose a un escenario. Organizado pola Concellaría de Igualdade do Concello de Ponteareas e polo Equipo de Igualdade do centro educativo, os rapaces e rapazas protagonizarán este mércores 6 de abril a lectura dramatizada de relatos do libro ‘Invisibles’, de Montse Fajardo.

Será ás 19.00 horas na sala multiúsos do auditorio municipal con entrada libre ata completar aforo. Unha valente representación na que as alumnas e alumnos darán visibilidade ás historias das sete protagonistas do libro, sete casos reais de mulleres vítimas de malos tratos, poñendo ademais o foco na onda expansiva que provoca o maltrato e que afecta a todas as persoas que están arredor.

O grupo de mozas e mozos que integran o Equipo de Igualdade do IES Val do Tea levan todo o ano traballando todo o curso sobre esta temática, ademais de sobre outras de vital importancia “para educar ás xeracións futuras en valores fundamentais como son a igualdade en todos os eidos das nosas vidas, a corresponsabilidade ou o respecto”, salienta a concelleira Verónica Carrera.