
Salceda de Caselas | O Concello suma un novo recurso profesional á súa área social coa incorporación dunha educadora social que permitirá a posta en marcha do novo Programa Municipal de Complemento ao Apoio Familiar, unha iniciativa que se manterá operativa ata abril de 2027 e que está financiada a través da subvención para a inclusión social nas entidades locais outorgada pola Xunta de Galicia con fondos da UE.
O traballo realizarase de forma coordinada cos centros educativos e cos Servizos Sociais municipais, poñendo o foco na prevención de condutas disruptivas e en situacións de vulnerabilidade e no soporte continuado tanto ás e aos menores como ás súas contornas familiares. Entre os eixes de intervención que se abordarán atópanse: reforzo e orientación educativa; dotación de habilidades e recursos comunitarios; mediación familiar e de convivencia; educación sexual integral; participación social e interculturalidade; e desenvolvemento de funcións sociais e parentalidade positiva.




