Un Museo do Viño de Salvaterra máis inclusivo

Coa instalación dun impresora en braille e bucles magnéticos

Salvaterra de Miño | O Concello de Salvaterra de Miño, xunto coa Deputación de Pontevedra, instalou dous equipos que supoñen unha mellora na accesibilidade aos contidos deste espazo museístico. Trátase dunha actuación da Deputación de Pontevedra enmarcada dentro do proxecto Visit Río Minho Plus, como socio do programa. Visit Río Minho Plus é un proxecto para consolidar a marca Río Minho e crear novos produtos turísticos transfronteirizos.

Visit Río Minho Plus está cofinanciado nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg VA España-Portugal (POCTEP) 2021-2027. Trátase dun proxecto global de desenvolvemento a través do turismo. Propón artellar unha oferta baseada en experiencias innovadoras e singulares asentadas no seu patrimonio natural, histórico e gastronómico como elemento diferenciador de identidade e posicionamento, e no que os concellos de Tui e Salvaterra de Miño participan como socios directos.

Estes dispositivos consisten nunha impresora en braille que permitirá ás persoas visitantes con problemas de visión acceder á información relativa aos contidos do museo e nun bucle de indución magnética, unha ferramenta que facilita a comunicación entre o persoal do museo e as persoas con problemas de audición. A implantación destes dous sistemas xorde da necesidade de facer das nosas institucións espazos máis amables e inclusivos para as persoas con diversidade funcional, unha aposta pola que o Museo da Ciencia do Viño vén traballando desde a súa fundación.

Desde a súa inauguración, trátase dun museo altamente interactivo, sensorial e accesible para as persoas con mobilidade reducida. Este compromiso cunha maior accesibilidade tamén se reflicte como un dos eixes do Plan de Mellora do museo, un elemento clave para a renovación anual da distinción “Q de Calidade Turística”, outorgada desde o ano 2020 ao Espazo Público Singular da Fortaleza de Salvaterra.

Esta certificación acredita non só o cumprimento dos requisitos técnicos establecidos pola norma correspondente, senón tamén a prestación dun servizo que é sinónimo de calidade, compromiso e profesionalidade, co obxectivo de garantir ás persoas visitantes a mellor experiencia turística posible.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.