O Goberno e a oposición fan balance da situación en Ponteareas

Entrevistas realizadas por Guillermo Rodríguez Fernández e Roberto Mansilla Blanco

Ponteareas | A un ano das eleccións municipais, a Alcaldesa Nava Castro (PP) e o Tenente de Alcaldesa Juan Carlos González Carrera (Alternativa Cidadá por Ponteareas, ACiP) atenderon a nosa solicitude para esta entrevista. Caso contrario foi Domingos Freitas (Independentes por Ponteareas), quen declinou responder.

“O noso obxectivo é construír un Ponteareas do que nos sintamos orgullosos”

Nava Castro | Alcaldesa (PP)

Pasado o ecuador do seu mandato, que balance pode ofrecer do actual goberno?
O balance é moi positivo porque Ponteareas avanzou máis nestes tres anos que nos mandatos anteriores. Cando chegamos ao goberno comprometémonos a traballar con seriedade, con diálogo e cunha idea moi clara: facer de Ponteareas un mellor lugar para vivir. Un Concello máis amable, máis dinámico, con máis oportunidades e máis orgulloso de si mesmo.

Nestes tres anos conseguimos poñer en marcha proxectos que levaban décadas sendo promesas e que hoxe son realidades ou están moi avanzados. Temos unha nova escola infantil adaptada ás necesidades actuais das familias, unha nova ludoteca, unha nova Praza de Abastos que abrirá as súas portas proximamente, a remusealización dos nosos espazos culturais, a recuperación e posta en valor da Freixa con melloras nas sendas e un cambio total e absoluto nos chiringuitos, actuacións de mellora nos centros educativos que levaban anos esquecidos e a creación de novos espazos para a cultura, o emprendemento e a innovación.

Creamos Artistea, unha residencia artística cun concepto moderno e innovador para atraer talento e creatividade; impulsamos o Centro de Emprendemento; e moi pronto abrirán as súas portas a Casiña do Corpus e a nova Oficina de Información Turística.

Tamén demos pasos decisivos en proxectos estratéxicos. Un exemplo é o Plan Parcial da Lomba. Durante décadas foi unha promesa recorrente. Hoxe xa estamos na fase de redacción dos proxectos de reparcelación e urbanización, avanzando cara a unha transformación que marcará o futuro de Ponteareas. No ámbito económico seguimos apoiando o comercio e a hostalería local con iniciativas como Saborotea e PinchoTea, que contribúen a dinamizar a economía local e atraer visitantes.

A mocidade tamén ocupa un lugar prioritario nas nosas políticas. Talento Xove consolidouse como un referente e nesta terceira edición contou con 767 participantes que demostraron o enorme potencial da nosa xuventude en múltiples disciplinas. No ámbito do emprego, máis de 300 persoas participaron nos programas impulsados polo Concello a través do Plan Integral de Emprego, Fórmate na Empresa e os Obradoiros de Emprego, incluído o Obradoiro Xuvenil.

Tamén queremos unha Ponteareas máis solidaria e máis humana. Por iso estamos ultimando a posta en marcha das vivendas de emerxencia social nas antigas Casas dos Mestres e do proxecto Café Calor, que ofrecerán apoio a persoas en situación de vulnerabilidade. Ademais, impulsamos un proxecto pioneiro en colaboración con Cruz Vermella para combater a soidade non desexada mediante a sensorización e acompañamento de persoas maiores que viven soas no rural.

Tamén acabamos de adxudicar un novo contrato de recollida de residuos e limpeza viaria, máis moderno, máis potente e adaptado ás necesidades actuais do municipio. É un dos contratos máis importantes dos últimos anos e estou convencida de que os veciños notarán a diferenza tanto na limpeza como na calidade do servizo.

Conseguimos ademais máis de 11M€ dos fondos EDIL, unha oportunidade histórica para Ponteareas. Grazas a estes recursos poderemos facer realidade proxectos tan importantes como os centros de día de Guláns e Xinzo, as novas casas socioculturais de Pías e Padróns, a gran biblioteca polivalente e cultural de máis de 2.000 metros cadrados, as novas pérgolas na Praza da Igrexa para combater o efecto illa de calor e numerosas actuacións de transformación urbana e social.

Ao mesmo tempo seguimos mellorando as parroquias. Hai máis mantemento, máis desbroces, máis asfaltados, máis reparacións de beirarrúas e máis investimentos. E xa avanzamos cara á licitación do saneamento integral, unha das actuacións máis importantes para o futuro do municipio.

Por suposto, queda moito por facer. Pero creo que hoxe Ponteareas ten algo fundamental: estabilidade, proxecto, ilusión e capacidade para seguir avanzando. Porque o noso obxectivo non é só executar proxectos. O noso obxectivo é construír un Ponteareas do que nos sintamos orgullosos. Un Ponteareas onde vivir sexa unha elección e non unha renuncia. Un Ponteareas con oportunidades para a mocidade, apoio ás familias, servizos para os maiores e calidade de vida para toda a veciñanza.

De presentarse de novo, que novidades vai incluír no seu programa de goberno?
Aínda queda un ano de mandato e a nosa prioridade segue sendo gobernar e cumprir os compromisos adquiridos coa veciñanza. Pero tamén é certo que Ponteareas está entrando nunha nova etapa e que debemos seguir sendo ambiciosos. Se algo aprendemos nestes anos é que cando hai proxecto, diálogo e capacidade de xestión as cousas saen adiante.

O seguinte paso pasa por seguir apostando pola vivenda, pola atención ás persoas maiores, polos servizos públicos, pola innovación social, pola modernización da administración, pola sustentabilidade, pola cultura, polo deporte e pola creación de oportunidades para a mocidade.

Queremos seguir recuperando espazos para as persoas, reforzando o comercio local, impulsando o emprendemento e mellorando a conexión entre a vila e as parroquias. Queremos seguir construíndo un Ponteareas que sexa referente, que atraia talento, que xere oportunidades e que permita aos nosos fillos e netos desenvolver aquí o seu proxecto de vida. En definitiva, seguir facendo de Ponteareas un lugar para vivir por elección.

O derrube da vella gardaría provocou unha forte oposición social. O edificio da Telefónica tamén está previsto que sexa derrubado? Que veremos nese novo solar?
Creo que é importante contextualizar este debate e explicar as cousas con serenidade e con rigor.

O edificio que se derrubou era unha antiga gardaría que cumpriu a súa función durante moitos anos e merece todo o respecto, pero xa non reunía as condicións que require un equipamento educativo moderno. Por iso este goberno construíu unha nova escola infantil totalmente adaptada ás necesidades actuais das familias e unha nova ludoteca. Respecto profundamente todas as opinións, pero tamén teño que dicir que unha parte importante da polémica foi protagonizada pola oposición política. Nós tomamos unha decisión pensando no interese xeral e no futuro de Ponteareas.

Porque a pregunta non é que desaparece. A pregunta é que gaña Ponteareas. E Ponteareas gaña unha gran zona verde e de convivencia de máis de 10.000 m2 no corazón da vila, un espazo aberto para as familias, para os nenos, para os maiores e para toda a cidadanía.

Respecto ao edificio da Telefónica, cada actuación estudarase individualmente e cando exista unha decisión definitiva será explicada con total transparencia. O noso criterio non é derrubar por derrubar nin conservar por conservar. O noso criterio é sempre preguntarnos que é o mellor para Ponteareas e para as futuras xeracións.

As cidades máis avanzadas de Europa están recuperando espazo para as persoas, para as zonas verdes e para a convivencia. Ese é tamén o modelo que defendemos para Ponteareas. A creación desta gran zona verde non é unha actuación illada. Forma parte da Estratexia de Infraestructura Verde que converte a Ponteareas no primeiro Concello galego en definir unha planificación integral dos seus espazos verdes e de convivencia.

De que maneira contentou aos alfombristas cabreados por este derrube?
Eu non falaría de enfrontamento cos alfombristas porque sinceramente non o houbo. Pode haber opinións distintas sobre determinadas actuacións, algo absolutamente normal e lexítimo, pero o Corpus está por enriba de calquera debate político. O Corpus non pertence a ningún partido. O Corpus pertence a Ponteareas.

Este goberno mantivo sempre unha relación de diálogo permanente coas asociacións de alfombristas, escoitando as súas necesidades, atendendo as súas demandas e colaborando activamente para seguir facendo medrar a nosa festa máis internacional. Nunca deixaremos de agradecerlles o seu esforzo, a súa dedicación e o enorme traballo que realizan cada ano.

E precisamente nestes días temos unha mostra extraordinaria dese compromiso. O próximo 7 de xuño Ponteareas volverá facer historia coa elaboración en Madrid dunha alfombra floral de máis de 500 m2 con motivo da visita do Papa. Será unha oportunidade extraordinaria para levar o nome da nosa vila e do noso Corpus a medios de comunicación e países de todo o mundo.

Quero agradecer anticipadamente á Asociación de Alfombristas e a todos os colaboradores o enorme esforzo que están realizando porque son os mellores embaixadores de Ponteareas. E tamén trasladar unha mensaxe clara: os alfombristas terán o espazo que necesitan. Estamos traballando para ofrecer unha solución adecuada ás súas necesidades porque o seu labor merece todo o apoio institucional.

O seu goberno fixo bastantes cambios urbanos respecto ao goberno anterior. Aínda podemos esperar novos cambios?
Si, sen dúbida. As cidades e as vilas nunca están rematadas. Sempre hai marxe para mellorar. Seguiremos apostando por unha Ponteareas máis verde, máis accesible, máis cómoda para vivir e máis preparada para afrontar os retos do futuro.

Pero tamén quero destacar que a nosa visión vai moito máis alá do casco urbano. Durante moitos anos pareceu que existían dous Ponteareas: a vila e as parroquias. Nós cremos nun único Ponteareas. Por iso estamos impulsando investimentos históricos no rural, mellorando servizos básicos, acometendo actuacións de abastecemento e saneamento, reforzando o mantemento e construíndo novos equipamentos sociais e culturais.

Queremos unha Ponteareas cohesionada, onde ningunha parroquia se sinta esquecida e onde todos os veciños teñan as mesmas oportunidades. De feito, fomos o primeiro concello de Galicia en presentar unha Estratexia de Infraestrutura Verde, unha folla de ruta que define como queremos que sexa Ponteareas nas próximas décadas. Non falamos só de facer prazas ou parques, senón de conectar espazos naturais, mellorar a calidade ambiental, reducir os efectos do cambio climático, crear máis zonas de sombra e facer unha vila máis saudable e agradable para vivir.

Actuacións como a nova Alameda de máis de 10.000 m2, a recuperación da Freixa, as novas pérgolas da Praza da Igrexa ou a creación de novos espazos verdes responden precisamente a esa visión estratéxica de futuro. Hai gobernos que xestionan o día a día e hai gobernos que ademáis pensan no Ponteareas dos próximos vinte años. Nós queremos facer ambas cousas.

Vde. tivo que pactar con ACIP e ceder parte do seu poder. Cal é o resultado desa cesión? Voltaría facelo caso de serlle necesario?
Eu non o vexo como unha cesión de poder. Véxoo como un exercicio de responsabilidade política. Os veciños decidiron nas urnas que ningún partido tivese maioría absoluta. Ante esa realidade había dúas opcións: o bloqueo ou o acordo. Nós escollemos o acordo. Non cedín poder; compartín responsabilidade.

ACIP forma parte do goberno municipal igual que o resto dos concelleiros e concelleiras do equipo de goberno, con delegacións de competencias e responsabilidades definidas para desenvolver o seu traballo. A política non consiste en acumular poder. A política consiste en resolver problemas e mellorar a vida da xente. O importante non é quen xestiona cada departamento. O importante é que os proxectos avancen e que os veciños vexan resultados.

E os resultados están aí: estabilidade institucional, capacidade de diálogo, investimentos históricos, captación de fondos, mellora dos servizos públicos e proxectos que levaban anos paralizados e que hoxe avanzan. Se algo demostrou este mandato é que cando se antepón Ponteareas ás siglas, os proxectos saen adiante.

Respecto ao futuro, serán os veciños os que decidan. Eu seguirei traballando coa mesma ilusión, coa mesma proximidade e coa mesma vontade de diálogo que me trouxeron ata aquí. Porque por enriba de calquera interese político está sempre o interese de Ponteareas e dos seus veciños.

(…)

“Imos para tres anos de goberno de coalición e o balance para ACiP é positivo”

Juan Carlos González Carrera | Tenente de Alcaldesa (ACiP)

ACiP é socio clave da coalición de goberno con Nava Castro a cambio dunha importante cota de Poder. Resultoulle facil “este maridaxe”? Voltaría facelo caso de ser necesario para gobernar Ponteareas?
ACiP tiña claro que formar un goberno de coalición ten que estar baseado nun acordo en inversións e compromisos das partes. Imos para tres anos de goberno de coalición e o balance para ACiP é positivo pois baseamos o noso día a día na xestión, o traballo e mellorar servizos municipais, atención aos veciños, recuperando a súa confianza pois o Concello agora está aberto diariamente para todos, onde escoitamos e damos solución aos seus problemas e demandas. O prioritario é saber escoitar.

Dende a súa óptica, que balance merece a xestión do actual goberno municipal?
Son unha persoa de palabra e non escapo das preguntas. Me pregunta se volvería facer unha coalición, humildemente teño que dicir que iso agora non toca; falta un ano de lexislatura, rematemos os proxectos en marcha e no 2027 xa veremos. Se en algo nos diferenciamos como partido é que estamos orgullosos de formar parte da xestión deste Concello e Ponteareas é a nosa identidade.

De cara ás municipais 2027 e de presentarse de novo á Alcaldía, repetiria a fórmula de ser preciso ou esixiría máis Poder?
Temos un acordo de goberno pensando sempre en Ponteareas e aos datos me remito; os veciños o ven diariamente na xestión. Pero este goberno de coalición funciona debido a que existe un respecto de competencias de cada grupo baseado na confianza

Os alfombristas tamén protestaron porque pretendían o edificio para as súas actividades. Como resolveron esta esixencia? Cal é o proxecto previsto para ese espazo?
Os alfombristas levan anos solicitando un local que reúna unhas condicións específicas para todos, co cal necesitan un edifico específico. Os tentaron politizar pero non se dan de conta que o Corpus está por riba das ideoloxías, é do pobo e de ningún partido político. Agora ben cada un é responsable dos seus actos. Somos o goberno que máis veces nos reunimos con eles para escoitar as súas demandas e asumimos todo o que nos pediron. É máis, despois do Corpus realizaremos unha nova reunión de avaliación do desenvolvemento do Corpus. Isto é xestión e respecto polo seu traballo.

O actual Goberno ten un modelo urbán diferente ao anterior, polo que se ve. Cales van ser os cambios que podemos agardar cara ao futuro próximo?
Cada goberno ten un modelo urbán e por iso cada un presenta o seu programa electoral. O noso está claro: “Ponteareas, lugar de convivencia, novas zonas verdes”.

Pero hai un dato moi importante: non esquecerse das parroquias. Nestes meses estanse desenvolvendo no rural investimentos de varios millóns de euros como a construcción de dous centros de día; das casas culturais de Padrons e Pias, sen esquecernos que os vindeiros meses comezan as obras de saneamento que superarán os 24M€ así como a continuidade do abastecemento de auga nas parroquias de San Mateo e Moreira. Continuamos cos novos asfaltados na rede viaria de tódalas parroquias; esa é a nosa prioridade xa que quedaron no olvido por parte do anterior goberno BNG-PSOE durante os seus oito anos de mandato, onde existían dúas categorías: o casco urbán e as parroquias. E así as arruinaron coa aprobación do Plan Xeral do que tan orgullosos estaban, aniquilando ao rural.

A oposición de Ponteareas demanda diálogo e menos despilfarro e propaganda

Os tres grupos da oposición co representación na Corporación Municipal de Ponteareas, o BNG; o PSdeG-PSOE; e Ponteareas en Comín, PeC, responderon ás seguintes preguntas:

1. A coalición de goberno supera o ecuador do seu mandato. Que balance merece a súa xestión?

2. Municipais 2027. Que propón para o futuro de Ponteareas?

3. Hai algo na actividade do actual Goberno que poida merecer a súa consideración?

“Queremos construír, desde o diálogo e a colaboración coa sociedade, un proxecto sólido para Ponteareas”

Cristina Fernández Davila | Líder e candidata polo BNG

1. No BNG témolo claro. O goberno da dereita que encabeza Nava Castro está máis preocupado pola propaganda e o postureo que por resolver as necesidades reais de Ponteareas. A veciñanza xa está comprobando como este goberno subiu brutalmente taxas e impostos, como o IBI, o lixo, a auga ou mesmo o imposto de obras mentres despilfarra recursos públicos en propaganda e caprichos da Alcaldesa como encargar un aroma do Corpus ou derrubar un edificio municipal mentres mercan outro porque din non ter espazos suficientes.

Os informes técnicos municipais alertan da inestabilidade económica deixando ao descuberto un descontrol absoluto na xestión e prácticas irregulares sistemáticas. Os servizos públicos continúan en precario, as infraestruturas municipais abandonadas, os espazos naturais descoidados, o rural esquecido e sen o saneamento prometido pola Alcaldesa e os colectivos sociais e veciñais ignorados.

2. O BNG representa precisamente a alternativa a ese desastre. Queremos construír, desde o diálogo e a colaboración coa sociedade, un proxecto sólido para Ponteareas, eficaz, competente e ao servizo das persoas.

Propoñemos reforzar os servizos públicos e as infraestruturas básicas, avanzar no saneamento e na mobilidade, fomentar o desenvolvemento económico e o emprego apoiando o comercio local e o tecido produtivo, impulsar políticas de benestar social, cultura e deporte, e deseñar unha vila máis humana e sustentábel. Queremos un Concello que escoite, que planifique e que cumpra.

3. Sempre que hai iniciativas positivas para Ponteareas, recoñecémolas con responsabilidade. Pensamos que a política municipal debe estar por riba da confrontación constante que busca o PP.

Algúns dos proxectos que agora pon a dereita en marcha son posibles grazas ao goberno liderado polo BNG, como a aprobación do PXOM, que puxo fin a décadas de caos urbanístico e parálise. O actual goberno dificulta constantemente a participación dos demais grupos políticos, evita o diálogo en cuestións relevantes e mesmo oculta documentación á que por lei temos dereito a acceder.

(…)

“Queremos recuperar unha política municipal máis próxima á veciñanza, que escoite máis e impoña menos”

Vanesa Fernández Soage | Secretaria xeral e voceira do PSdeG-PSOE

1. Ponteareas necesita un cambio urxente. Nestes tres anos de goberno da dereita, o actual goberno non creou nin un só proxecto novo e vive da inercia de xestionar os proxectos do goberno anterior. Mentres tanto estamos a ver carencias moi graves no urbanismo, servizos públicos, mobilidade e unha falta de atención evidente nas nosas parroquias.

O máis preocupante é a deriva económica: centos de facturas irregulares estannos levando a un novo endebedamento: en 2025 o remanente de tesourería xa foi negativo en máis de 300.000€. E a solución é subas abusivas de impostos para pagar os caprichos da Alcaldesa. Toda vez facemos unha oposición responsable, con fiscalización e alternativas viables, propoñemos a creación do centro interxeracional, a aposta polo diálogo, transparencia e pensando nos veciños, non nas liortas internas do Goberno.

2. Queremos unha Ponteareas con máis oportunidades para a mocidade, cun comercio local forte e mellores servizos públicos de calidade. Apostamos por unha vila que viva cara ao río co cohesión entre o casco urbano e as parroquias. Impulsar vivenda accesible, atraer actividade económica e mellorar a participación cidadá. Queremos recuperar unha política municipal máis próxima á veciñanza, onde se escoite máis e se impoña menos.

3. Durante a lexislatura vixente apoiamos aquelas iniciativas beneficiosas como a mellora da N-120, a estratexia verde, a construción da nova escola infantil ou o novo plan de fondos europeos para a construción de dous centros de día nas parroquias de Xinzo e Guláns, entre outros. Lamentablemente, este respecto institucional non é recíproco por parte do goberno, quen actúa ao marxe das restantes forzas que representamos aos veciños e veciñas, como temos comprobado recentemente coa demolición da antiga escola infantil ou a prohibición de ter feira a mañá do sábado de Corpus.

(…)

“Caciquismo e propaganda son os piares do goberno de Ponteareas”

Manoel Ucha | Concelleiro de Ponteareas en Común (PeC)

1. O goberno de Ponteareas articula as súas políticas en dous piares fundamentais: caciquismo e propaganda. Juan Carlos González Carrera e Nava Castro colocan toda a súa capacidade única e exclusivamente en beneficios persoais e o poder como único obxectivo con consecuencias nefastas: despilfarro de cartos públicos; eliminación de espazos de encontro; un modelo de mobilidade baseado nos anos 90; e a redución das políticas sociais.

As principais problemáticas son a privatización de servizos públicos, as dificultades de acceso á vivenda e as condicións socioeconómicas dos colectivos máis vulnerables. Un modelo neoliberal que deixa todo en mans de empresas privadas. Por outra banda este goberno nega a situación de pobreza e exclusión toda vez teñen como obsesión “gañar o relato”, deshumanizar e criminalizar aos rivais políticos.

2. Coherencia e honestidade cun programa de goberno nítido, horizontal e público articulado en tres principios: municipalizar servizos públicos; participación cidadá para que a cidadanía recupera a confianza nas institucións: e ecoloxismo, feminismo e conciencia de clase, con sensibilidade no modelo urbano, os servizos para o rural e salarios dignos.

3. A súa forma de entender Ponteareas é insufrible e nociva para a veciñanza: atacaron ás traballadoras do SAF que estiveron case 70 días en folga indefinida; aprobaron un módulo de atletismo contrario á comunidade atlética; derrubaron a escola infantil vella sen escoitar á veciñanza; compran medios de comunicación; regalan contratos a empresas amigas incumprindo coa lexislación en materia de transparencia e impedindo a fiscalización por parte de oposición.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.