“Na Galiza está aumentando a autoestima colectiva como pobo e iso é un gran avance social”

Artai Gavilanes Villar | Secretario Xeral de Galiza Nova

Secretario Xeral de Galiza Nova desde novembro de 2025, Artai Gavilanes Villar (San Cibrao de Viñas, 2001) foi tamén responsable nacional de Erguer-Estudantes de Galiza. Nas eleccións municipais de 2023 presentouse como candidato do BNG por San Cibrao de Viñas e nas listas para as parlamentarias europeas 2024.

A primeira pregunta será de carácter persoal. Cando asumiu Artai Gavilanes o seu compromiso político decidindo integrarse en Galiza Nova?
Entrei en Galiza Nova cando tiña 16 anos. Daquela non podía ficar parado ante a situación que vivía a nosa lingua e a realidade que se nos viña enriba á miña xeración cando pensabamos no futuro: precariedade, falta de oportunidades no país, emigración. Un día vin que se facía un acto en Ourense, o despregamento do bandeirón da patria, acto insignia da Semana da Patria de Galiza Nova, e decidín achegarme. Dende entón entrei a facer parte dunha organización na que entendín que os problemas da mocidade non era inevitábeis senón que eran consecuencia dun modelo político e económico que se pode mudar a través dun compromiso militante que hoxe segue máis vivo ca nunca.

Galiza Nova ante o Día da Patria. Que mensaxe pode transmitir ante o contexto que está a vivir o país?
O Día da Patria Galega é unha data para reivindicar que Galiza existe como nación e que ten dereito a decidir libremente o seu futuro. Queremos reivindicar que é necesario un cambio radical na deriva na que leva anos inserida o noso país. A mocidade está farta de non poder emanciparse, da disparidade salarial e a precariedade laboral, da falta de servizos públicos e da posibilidade de ter que emigrar.

“Na Galiza Nova levamos falando da necesidade da emancipación xuvenil”

Na Galiza Nova levamos falando da necesidade da emancipación xuvenil, non como un feito illado senón como un proceso colectivo de emancipación nacional que require de mudar radicalmente a estrutura económica e política que nos oprime. A mellor maneira de celebrarmos este 25 de xullo é organizándonos e enchendo as rúas do país, demostrando que cada vez somos máis as persoas que queremos unha Galiza ceibe.

O BNG está a traballar nun proxecto de futuro coa vista posta nas municipais 2027 e as autonómicas 2028. Está crecendo na mocidade galega o entusiasmo polo cambio político en Galicia?
Estou certo que si. Hai unha parte importante da mocidade deste país que percibe que o actual modelo está esgotado e que non responde ás súas necesidades e ve no nacionalismo galego a mellor ferramenta para transformar a realidade, e iso tamén se reflexa nos apoios electorais. A tendencia que estamos vendo á alza do BNG ten moito que ver coa confianza que esperta un proxecto serio, coherente e útil.

A actitude da mocidade cara o galego é moi positiva, incluso naquelas persoas que aínda non deron o paso a falalo. Na Galiza está aumentando a autoestima colectiva que temos como pobo e iso é o importante, é un gran avance social. O nacionalismo é hoxe capaz de canalizar ese cambio social que xa se está a producir.

Como secretario xeral de Galiza Nova, que iniciativas estades a levar adiante para fomentar o compromiso político galeguista entre a mocidade?
Temos o reto, nos vindeiros anos, de aumentar o apoio social da mocidade ao proxecto nacionalista, compromiso que asumimos na pasada Asemblea Nacional. Estamos a aumentar a nosa axitación nas rúas do país, en contacto directo coa mocidade. Traballo de base e presenza onde está a mocidade para ampliar a formación interna das militantes e aumentar a nosa capacidade de introdución social. Entre o 13 e o 23 de xullo realizaremos a nosa Semana da Patria, previa ao 25 de xullo, con máis de 60 de actividades por todo o país levando o discurso nacionalista á mocidade.

En canto ao uso social do galego, observa un aumento dos galegofalantes ou máis ben segue a persistir unha disparidade co respecto ao castelán?
Os datos amosan que estamos a vivir unha situación de emerxencia lingüística, que afecta especialmente á mocidade. Isto non é casualidade: o retroceso do uso social do galego é consecuencia de anos de políticas galegófobas contrarias á normalización lingüística e que buscan precisamente o exterminio do galego. Non é normal que teñamos un decreto aprobado que prohíbe dar aulas de materias científicas en galego, nin tampouco é normal que a cultura galega fique fóra dos centros de ensino, nin ver como os datos de competencia lingüística en galego van cada ano a peor.

“Converterse en neofalante é unha acción valente e comprometida”

Á mocidade deste país estanlle roubando o dereito a coñecer a súa lingua. Non obstante hai moita mocidade que tamén está dando o paso a falar en galego por vez primeira. Converterse en neofalante é unha acción valente e comprometida que racha co determinismo social que nos empurra cara o castelán e supón un paso adiante na construción dun país máis libre.

Mirando cara o futuro: ve posible unha Galicia soberana, con voz propia no mundo?
Non só o vexo posíbel, senón tamén necesario. A soberanía non é só un fin en si mesmo senón tamén un medio para construír unha Galiza máis xusta, ligada á loita de clases como a resistencia contra modelos de espolio como Altri; o movemento feminista propio; o sindicalismo nacional e de clase; o movemento estudantil; os centros sociais vinculados ao territorio e que fan comunidade dende abaixo… En definitiva, é necesario acadar a soberanía para podermos conquistar unha Galiza mellor, e a chave para facelo é continuar a impulsar a auto-organización. Niso estamos e niso seguiremos.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina. Redactor Xefe de "Foro A Peneira" e "Novas do Eixo Atlántico".

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.