• Segue conectado
  • |

Marcos Besada, Alcalde de Salceda de Caselas dende o ano 2007, non recollerá a súa acta para a seguinte lexislatura

Salceda | Publicamos a carta de despedida do alcalde.

Tempos de reflexión honesta e responsable
“O proxecto de cambio e transformación que botou a andar en xuño de 2007 é estratéxico e ten que ter continuidade nos vindeiros anos. Temos claro que as persoas que conformamos Movemento Salceda nunca dubidamos en antepoñer os intereses dos veciños e veciñas por enriba de calquera outros. Movemento Salceda é o instrumento do que nos dotamos dende a nosa autonomía municipalista para transformar, da man dos veciños e veciñas, a Salceda que queremos.

Como Alcalde teño contribuído modestamente e poñendo todo o meu empeño, coñecementos e tempo nestes anos, para acadar os obxectivos marcados. Concibo a adicación política na defensa do ben común como espazo temporal, nunca como un fin en sí mesmo. Teño claro, chegado este intre, que a miña contribución plena a dirixir, xestionar e representar institucionalmente a Salceda está feita. Outros e outras, dende a Salceda en Movemento, teñen que asumir o relevo. O máis importante é o proxecto, e as persoas non somos imprescindibles, afortunadamente.

Agradezo profundamente terme dado a oportunidade histórica de concederme democraticamente todos estes anos para ser o Alcalde de todos e todas: a máis alta distinción de traballar sempre por e para os veciños e veciñas de Salceda.

Recoñecendo as miñas virtudes e tamén os meus defectos, creo modestamente que a Salceda de hoxe é ben diferente á que nos atopamos en 2007. E iso é froito dun inmenso traballo colectivo, un proxecto común que foi asumido nestes 12 anos por unha ampla maioría social.

Agora toca dar un impulso renovador e fresco ao proxecto colectivo que representamos. Os resultados do 26 de maio son un punto de inflexión: compre que as forzas políticas que representan á esquerda plural e á nosa condición de galegos e galegas nos poñamos de novo de acordo, para continuar xuntos, respectando as nosas lexítimas diferenzas, no proxecto de cambio e transformación iniciado no 2007 e que non debe ter marcha atrás.
Os resultados electorais precipitaron o xa previsto: sempre foi o meu desexo, e tamén unha reflexión colectiva, que unha muller debería ser por fin a que rexira democraticamente os destinos e os intereses colectivos da cidadanía de Salceda, algo que non aconteceu ata agora, dende que en 1836 se creara o “Ayuntamiento Constitucional de Salceda”.

Afortunadamente en Movemento Salceda, como proxecto colectivo e transversal, temos persoas capacitadas, honradas, honestas e responsables para asumir os novos retos e levar adiante as ideas e as propostas que presentamos públicamente nestas eleccións. É hora de que, tal como é o desexo da gran familia de Movemento Salceda, Loli Castiñeira asuma dende xa a dirección e coordinación do proxecto de cambio e transformación e da súa proxección futura.

Anuncio a todos e todas, coa firme convicción do deber cumprido tras estes anos de adicación exclusiva a traballar e coordinar o equipo de persoas que me apoiaron nesta titánica e dura travesía, que non vou recoller a acta de concelleiro electo de cara ao Pleno de investidura do 15 de xuño. Un paso atrás para dar dous para adiante: grazas por darme tanto, por permitirme ser o voso humilde servidor, e as miñas desculpas por non ter feito máis pola Salceda que amo e levo no corazón. Aquí estarei, como un salcedense de a pe, como un compañeiro da Salceda en movemento, axudando humildemente e aportando os meus coñecementos e a miña experiencia vital, e seguirei dende a trincheira , no que me queda de vida, que espero que sexa moita, por honrar o pasado, traballar no presente e construir, como teño feito estes anos, a Salceda que soño.

E agora si, reiterando o meu agradecemento a todos e todas, coa vosa venia… “marcho que teño que marchar”.

Marcos Besada”

Publicado o 1 Xuñ 2019 en Política, Portada, Salceda.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies