• Segue conectado
  • |

Luís Seoane.

“A Galicia debo, penso, case todo o que se refire a miña formación intelectual, que foi facéndose de cultura popular herdada”. Son palabras de Luís Seoane, que naceu en Bos Aires en 1910, nun fogar de emigrantes galegos procedentes de Arca (localidade situada entre Arzúa e Santiago). Cursa o Bacharelato en Santiago de Compostela e despois Dereito, tamén en Compostela, onde destaca como activista estudantil -idealista e radical- da FUE, sindicato da mocidade universitaria. Participa nas tertulias de Carlos Maside e traba amizade tamén con Anxel Fole e Álvaro Cunqueiro. Colabora, entre outras, coa revista Nós. En 1933, rematada a carreira, ingresa no Partido Galeguista. Deseñou un cartel para a campaña a favor do Estatudo de Autonomía, ao igual que outros artistas. Tras o triunfo do levantamento fascista, pasa clandestinamente a Portugal e embarca en Lisboa cara o exilio. Tiña 26 anos. Di: “Desagarimado, saín da longa noite en que te sumiron, Galiza”. En xullo de 1937 publica o seu primeiro libro: Trece estampas de la traición (no que fustiga aos militares que se s levantaron contra a República) e, para informar da axuda dos emigrantes galegos á República, edita con Xosé Núñez Búa o xornal bilingüe Galicia Libre. Colabora tamén con varios xornais e dirixe a revista Galicia, do Centro Galego de Bos Aires. Publica álbumes de gravados. En 1944 funda con Arturo Cuadrado a Editorial Nova, que edita -entre outros- o libro de debuxos Homenaje a la Torre de Hércules. No exilio faise decididamente pintor de óleos. Viaxa coa súa dona por Europa e coñece a Picasso en París e a Henry Moore en Londres. Maruxa Fernández lembra que pasaron por Vigo: “Desembarcamos para comer. Alí estaban esperándonos Maside, Álvarez Blazquez, Paz Andrade, Paco del Riego,… Todos quedaron fichados na policía”.

Cando morre Castelao en 1950, Seoane ocúpase do número extraordinario que lle adica A Nosa Terra. Organiza unha exposición de arte galega no Centro Galego. E, en 1952 inicia o seu ciclo poético con Fardel de exiliado. Dous anos despois funda a revista Galicia emigrante. Pinta murais, ilustra libros, expón en Nueva York, publica o libro de poemas Na Brétema Sant-Iago, funda a editorial Citania, publica dúas obras de teatro, organiza exposicións, audicións radiofónicas,…

En 1963, despois de 27 anos de exilio, regresa a Galicia, vixiado pola policía. Ese mesmo ano é o da execución do militante comunista Juan Grimau, que lle inspira o cadro O caído. Expón en Madrid máis de cen obras, en Bonn e en Bos Aires. É designado como numerario da Academia Argentina de Bellas Artes. En 1968 funda con Isaac Díaz Pardo o Laboratorio de Formas de Galicia e dous anos máis tarde inagúrase a Fábrica de Sargadelos de cerámica. Morre en Coruña en 1979. Recibe numerosas hiomenaxes póstumas e en 1993 a RAG adícalle o Día das Letras Galegas. Non hai moito tiven a sorte de ver coa familia unha exposición de obras súas en Vigo. Luís Seoane pertence a xeración dos renovadores da arte galega, un grupo de artistas (Carlos Maside, Arturo Souto, Manuel Torres, Manuel Colmeiro, Cándido Fdez. Mazas e Laxeiro) que introducen as vangardas artísticas, pero deixándose influenciar pola arte popular galega. Do seu estilo dicía: “ Para min defendo unha especie de realismo expresionista”. Proba da sinceridade que acadou o seu compromiso social, os artistas galegos padecen a represión fascista, sendo uns fusilados (Camilo Díaz Baliño, Francisco Miguel, Luis Huici) e outros exiliados fóra do país (Castelao, Seoane, Souto, Fdez. Granell, Maruxa Mallo, Colmeiro) ou dentro, malvivindo o exilio interior (Maside, Fdez. Mazas, Álvaro Cebreiro, Urbano Lugrís). Di Seoane: “A miña pintura componse de medios elementais e de cores fortes e vivas”. Según Xulio Cuba, as súas mulleres son emblemas. Ten obra en importantes museos do mundo e, en Galiza, no Museo Castrelos de Vigo, no de Pontevedra, no Carlos Maside e no de Belas Artes da Coruña.

Publicado o 8 Mai 2017.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies