Xuntaron os ladróns cos que rouban.

Vía na televisión, sen volume, as novas do día e tiña oportunidade de observar o trato que proporcionaban a xente nova, con pantalón curto case todos, correndo en busca dun lugar onde asentar e descansar, quizais levar algo á boca. Pareceume un novo esperpento no que o abuso fai das súas, algo que ultimamente todos normalizamos mentres nos asista gratuíto e mentres non chegue un “iluminado” e comece a cobralo por litros ou ferrados.

O certo é que a imaxe que me proporcionaron é paralela ao trato que se lle está dando á Nosa Lingua por parte das oficialidades todas. Si, digo todas, porque hai moita xente involucrada no tema e todos miran para outro lado, suavizando a situación desequilibrada das leis e das aplicacións tortuosas das mesmas. Leis inxustas e pouco tranquilizadoras que levan anos, anos importantes, na perda de titulares optimistas, na perda de falantes, na perda de divulgación, recuperación e honra. Esa que nunca lle deron aplicando as básicas normas de emprego e dignidade, de atinada execución en todos os ámbitos sociais. Xa non digamos nos eidos públicos galegos, onde a fonética campa imposibles crueldades, inexplicable contexto no que abundan tempos compostos e necidades rechamantes que cantan nos ouvidos ou nos ollos e rompen a alma.

Si, é o mesmo espectáculo lamentable. Por moito que disimulen, en Ceuta os policías que, obedecendo ordes crueis dalgún responsable que se fai o listo, endereitan con paus aos famentos que se precipitan a buscar un lugar de asento e de descanso. Hai feridos e hai crianzas que non comprenderán o tamaño do delito que cometeron por buscar pan e vida, por amarse un pouco. Todo se banaliza, a tele pon música de fondo, ninguén ve nada anormal, ninguén se desacouga. Todo está perfectamente comprendido. Silencio e unha certa complicidade.

“Todo se banaliza, a tele pon música de fondo, ninguén ve nada anormal, ninguén se desacouga”

Pois igual pasa coa Nosa Lingua, a nosa paisaxe, terra, mar, ríos, o tecido social e industrial, o ensino, os bens culturais e de saúde. Van séculos (non deixo de lembrar e xurar, mesmo abxurar dos seica Católicos Reis, tan preclaros naquela “doma e castración de Galiza” relatada por Zurita) de ignominia, de comparación, de manipulación e de abuso, de desconsideración e descoido. Eles teñen os paus, nós levamos os golpes. Eles están sans e comen todos os días, non temos fame de nós e do noso, de normalizar a nosa situación idiomática sen medo a que nos leven o ben máis prezado que temos: A Nosa Lingua. Pecamos de amor ao Noso. Non paran de dar golpes, de darnos proporción ínfima de sustento para unha lenta agonía. Por cada medio que se exerce en galego, aínda coas eivas de sempre, hai miles en linguas foráneas. Miles de voces, de músicas, de obras teatrais, de artistas, de películas, de debuxos animados, de libros. Constantemente, todos os días.

Hai unha disposición moito máis congratulada co inglés que co galego, e iso é culpa de quen constrinxe O NOSO con decretos decrépitos e faltos de vontade, de ansia e de afecto, de comprensión sequera. Por iso eu estou en pé de guerra e non llelo perdoo nin llelo perdoarei nunca. Xuntaron os ladróns cos que rouban. Póñolles cara e véxoos co casco protector, co pau en alto, sorrindo sen vergoña. Eu só ergo a miña e nosa dignidade e será quen lles poña o correctivo que merecen. Porque quizais non o saiban, pero un día Galiza será nosa e terémola en propiedade!.

Mestre e músico.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.