XIV carreira popular de San Salvador en Baños de Molgas

Será o 5 de agosto cun cento de corredores

Baños de Molgas | O Concello de Baños de Molgas, coa colaboración da Deputación de Ourense, celebrará o próximo 5 de agosto a XIV carreira popular de San Salvador, cita deportiva que retoma o goberno municipal tralo parón do pasado ano e que nesta edición agarda a participación dun cento de corredores.

Luís Menor, presidente da Deputación, coñeceu os detalles desta proba da man do alcalde, Manuel Ángel Fernández, e do concelleiro de Deportes, José María Núñez. A carreira consta dun circuíto urbano, con saída e chegada nas piscinas municipais do parque Ansuíña, e catro traxectos diferentes en función das distintas categorías: pitufos con 150 metros; benxamín e alevín con 750; infantil e cadete con 2,3 quilómetros; e xuvenil, promesa, sénior e veteranos, con 7 quilómetros. A saída de cada unha destas probas está prevista entre as sete e as oito da tarde.