Francia, ‘a golpes’ en África.

A París non lle saen as contas en África. Nos últimos anos está observando unha sucesión de golpes militares dentro do seu espazo xeopolítico, a francofonía. O está vendo en países como Malí, Guinea Conakri e Chad (2021), Burkina Faso (2022), Níxer e agora Gabón (2023), sen contar co golpe en Sudán (2021), un ex condominio colonial anglo-exipcio.  Golpes militares na África occidental e centro do continente, algúns deles con protestas antifrancesas nas rúas, a tal punto que persuadiron a Francia a retirar embaixadores neses países e suspender as súas relacións diplomáticas.

Dentro dese sentimento antifrancés na África francófona temos casos como o golpe en Níxer, cuxa popularidade da Xunta Militar golpista chegou a niveis de ataques frontais contra Francia como “poder colonial”. Sorprendentemente, estas protestas definiron expresións de simpatía por Rusia, un país sen pasado colonial no continente africano pero si con implicación xeopolítica especialmente a través da URSS durante a “guerra fría”. Por certo, Rusia xa anunciou a súa preocupación polo golpe en Gabón.

Noutros casos a viraxe é máis ben favorable a Beijing, socio comercial in crescendo na rexión, condición fortalecida nese ámbito tralo recente cumio dos BRICS en Sudáfrica. Dentro deste retroceso do ‘poder francés’ en África, moito se ten falado nos medios da presencia do Grupo Wagner na rexión, feito que cobra agora unha maior dimensión trala recente morte do seu líder fundador Evgueni Prigozhin. Especie de vangarda da presenza rusa en África, os Wagner estaban fortemente instalados en tres dos países con golpes militares (Malí, Burkina Faso e Níxer), unha presenza ampliada cara outros países como a República Centroafricana e o Congo, tamén de herdanza colonial francesa.

A explotación e aprovisionamento de recursos minerais é a ‘razón’ principal desta presenza rusa vía Wagner. Pero o obxectivo para o Kremlin ten implicacións de calado xeopolítico, especialmente no cometido de desaloxar a Francia das súas tradicionais esferas de influencia dentro desa África francófona. Isto parece determinar a posibilidade de que París, vía UE e organismos rexionais africanos, tente eventualmente vertebrar unha posible intervención militar exterior para desaloxar aos golpistas en Níxer e evitar así perder peso dentro desta ecuación xeopolítica e militar na África Occidental. Agora ben, vendo o contexto rexional, terá efectividade esta perspectiva de intervención militar en Níxer cando a Xunta militar xa pediu axuda a Mali e Burkina Faso para repeler esta posible invasión? Existen posibilidades de que esa eventual intervención, aparentemente auspiciada por Francia, teña tamén dimensión cara outros países como Gabón?

Tanto como a presenza rusa observamos a chinesa, que se materializa con outras ferramentas: a cooperación económica é o móbil que leva a unha cuase ‘colonización á chinesa‘. Nos últimos anos, os medios franceses acuñaron unha especie de acrónimo para explicar este fenómeno: a ChineAfrique.

O certo é que Francia, no seu momento imbuída no seu orgullo de potencia colonial que coa globalización ‘redescubriu’ que a francofonía podía ser o seu lugar no mundo, perde agora peso precisamente dentro desa esfera francófona en África a base de golpes militares, impopularidade nas rúas e gobernos que prefiren reorientar os seus intereses cara inéditos actores (Rusia, China, Turquía) dos que se benefician en materia económica e de seguridade, neste último caso particularmente ante a presenza de grupos yihadistas e outros de calado criminal transnacional.

Pero tamén o que está sucedendo en África cos golpes militares revela unha preocupante tendencia de regresión democrática que se está observando nun continente que parecía encamiñarse cara un mellor desenvolvemento político e económico.

Por unha banda, Francia pode estar perdendo xeopoliticamente o pulso en África, isto parece ser un feito incluso se a reacción de París termine resultando dalgún xeito favorable aos seus intereses. Pero debemos observar con atención se esta tendencia ‘golpista’ no corazón de África implica tamén o regreso de tempos de crises e inestabilidade que supoñíamos dalgún xeito superados, a pesar das disparidades rexionais e das dinámicas propias de cada país. Unha preocupación que asalta principalmente nun momento en que África comezaba a emerxer como un actor relevante, alternativo, multilateral e multipolar que reclama a súa voz e o seu peso neste mundo da ‘post-globalización’. Por tanto, compre tamén preguntarnos: será que existen outros intereses detrás destes golpes, interesados en evitar este incipiente ascenso global africano?

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.