As forzas políticas galegas trazan as súas prioridades para as Eleccións Xerais do 29N

Entrevistas coas forzas políticas con representación no Parlamento de Galicia

Galicia quere ter voz e voto nestas Eleccións Xerais do 29 de novembro (29N) O adianto electoral é unha oportunidade chave para abordar as expectativas galegas ante unha nova lexislatura co horizonte ata o 2030. Para coñecer as prioridades galegas, as catro formacións políticas con representación no Parlamento Galego así como a Fronte Ampla, con candidatura para o Congreso dos Deputados e o Senado, responderon á seguinte pregunta:

“Ante a convocatoria de Eleccións Xerais este 29 de novembro (29N), cales considera son as prioridades para Galicia?”

“A prioridade para Galicia é clara: rematar cos recortes e castigos do ‘sanchismo”

Paula Prado | Secretaria Xeral do Partido Popular de Galicia (PPdeG)

“O próximo 29N temos a oportunidade do cambio para impulsar a Alberto Núñez Feijóo á Presidencia do Goberno de España.
A prioridade para Galicia é clara: rematar con todos os recortes e castigos do ‘sanchismo’ nestes últimos oito anos. Os galegos e galegas merecemos un goberno serio e rigoroso que colabore coa nosa Administración e que atenda os asuntos pendentes.
Destacamos a situación ferroviaria e as deficiencias en materia de transporte; a paralización do Real Decreto que modifica o Regulamento Xeral de Costas; o financiamento autonómico; os prexuizos causados pola Lei educativa estatal (LOMLOE); a falta de fondos para a renovación de centros educativos; a Lei de dependencia; a transferencia da AP9; o Estatuto Marco do persoal sanitario e o déficit de profesionais sanitarios; o IVE dos produtos pesqueiros; as vivendas da Sareb e a vivenda protexida; o desenvolvemento do PERTE industrial; a eólica mariña; e a rede de distribución eléctrica.
Estes son algúns dos temas pendentes do Goberno de Sánchez con Galicia. Non queremos ser máis que ninguén, pero tampouco menos”.

“O BNG ten dúas grandes prioridades: máis forza en Madrid e defender unha vida digna”

Ana Pontón | Voceira do Bloque Nacionalista Galego (BNG)

“O BNG ten dúas grandes prioridades de cara ao 29N: darlle máis forza a Galiza en Madrid e defender unha vida digna para os galegos e as galegas. Ou estamos con forza ou Galiza quedará atrás, e isto é algo que non podemos permitir.
Somos garantía para avanzar en dereitos e xustiza social; vivenda; unha vellez digna; servizos públicos de calidade e libres de recortes; igualdade e inclusión social. Somos tamén a garantía fronte un bipartidismo estatal que se alterna na discriminación a Galiza.
Os feitos avalan ao BNG: cun deputado e unha senadora conseguimos para Galiza máis que o resto dos representantes do bipartidismo xuntos. Logramos descontos históricos nas peaxes da AP9 e na AP53, cunha quita da débeda de 4.000 M€ que Alfonso Rueda se nega a reclamar porque así llo manda o PP desde Madrid, pese a que ese desconto suporía ter miles de millóns de euros para adicar a solucionar os problemas da xente. Conseguimos mellorar o ferrocarril interior, o dragado da ría do Burgo, avances en dereitos sociais. Evidentemente non nos conformamos e queremos máis para Galiza”.

“Queremos que a vivenda sexa o quinto piar do estado do benestar”

Xosé Ramón Gómez-Besteiro | Secretario Xeral do PSdeG-PSOE

“Levo semanas resumindo estas eleccións en dúas palabras, ‘dereitas ou dereitos’, e cada día que pasa paréceme máis axustado. O noso modelo busca ampliar os dereitos que temos e acadar outros novos.
Queremos que a vivenda sexa o quinto piar do estado do benestar, ao lado da sanidade, a educación, as pensións e a dependencia. Vivenda pública e alugueiros que se poidan pagar xa, non en 2030, que é o horizonte que se marca a Xunta.
Galicia necesita unha sanidade e unha educación pública que cheguen a todas partes, rural incluído. Crer no rural é apostar pola muller rural, que segue recibindo menos axudas da PAC e carga coa maior parte dos coidados.
Queremos que o crecemento económico de España se reparta mellor e chegue ao peto da xente. En Galicia o salario medio segue uns 3.000 euros por debaixo da media española. Esa fenda hai que pechala.
Outros asuntos importantes son a AP-9, cuxa transferencia saíu adiante no Congreso e agora hai que rematala. E tamén o feito de que ningún galego e galega con nacionalidade española debería quedar sen votar. Iso é facer galegos de primeira e de segunda. E para min é un asunto de pura dignidade.”

“Queremos acabar coa discriminación que sofren Galicia e Ourense”

Armando Ojea Bouzo | Deputado por Democracia Ourensá (DO)

“A prioridade absoluta debe ser acabar dunha vez coa profunda discriminación e o abandono histórico que sofre Galicia e que se agraba aínda máis no interior, especialmente na provincia de Ourense.
Non podemos seguir tolerando esta fenda territorial. A nivel de infraestruturas, Ourense arrastra décadas de atrasos en proxectos vitais como a paralización da A-76 cara Valdeorras; a parálise da A-56, obrigándonos a circular pola deteriorada nacional N-540; e atrasos e colapsos nas Variantes Norte e Exterior. Mentres o AVE nos vendeu un progreso teórico, a realidade é un caos diario nos trens Avril e Avlo por averías e fallos na catenaria, sumado ao bloqueo por parte de Adif da estación de mercadorías de San Cibrao das Viñas, que estrangula a competitividade da nosa industria.
Toda vez as provincias costeiras reciben centos de millóns, a inversión estatal en Ourense caeu en picado, apenas 18,7M€ licitados entre xaneiro e agosto de 2026. Existe abandono en vivenda pública, con apenas 5 vivendas protexidas tramitadas nos últimos 13 anos; e o esquecemento do noso patrimonio máis emblemático, co Museo Arqueolóxico Provincial pechado ou a paralización na rehabilitación do Mosteiro de Santa María de Melón”.

“A Fronte Ampla ten tres prioridades: vivenda, transporte público e oportunidades laborais dignas”

Paulo Carlos López | Voceiro da Fronte Ampla en Galicia e candidato ao Senado por Pontevedra

“As prioridades de Fronte Ampla para Galicia na vindeira lexislatura son tres: vivenda, transporte público e xeración de oportunidades laborais dignas.
Cremos fundamental un investimento audaz para aumentar o parque de vivenda pública e prohibir a especulación e a vivenda turística, para normalizar o mercado. Apostamos pola limitación do prezo de referencia nun terzo do SMI para permitir que as persoas traballadoras poidan emanciparse.
En canto ao transporte público, apostamos por unha planificación decidida no ferrocarril metropolitano e de proximidade (Cercanías), especialmente nos núcleos Pontevedra-Vigo e Coruña-Ferrol, xa en estudo pero con construción pendente. Impulsaremos o estudo dunha rede de metro ou tren lixeiro nas dúas maiores cidades galegas. E tamén rematar a transferencia e nacionalización da AP9 e facela gratuíta.
Finalmente, para crear oportunidades para a clase traballadora, impulsaremos a instalación de novas industrias verdes e respectuosas co medio ambiente, impulsando a electrificación e o cooperativismo. Tamén o apoio á industria primaria para garantir a súa rendibilidade, a transición cara unha agricultura rexenerativa e a soberanía alimentaria”.

 

 

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina. Redactor Xefe de "Foro A Peneira" e "Novas do Eixo Atlántico".

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.