X.M. Beiras.

Meu avó era falanxista, xefe comarcal do Movemento en Ponteareas. Dende pequeno escoitara que na súa Biblioteca había agochada unha pistola que busquei en varias ocasións sen demasiado éxito. Non chegaba aos estantes máis altos e pedir unha escaleira pensei que podería levantar sospeitas. Pasados uns anos, un día que non había ninguén na casa, aproveitei para buscar con máis calma.

Custoume, pero logo de remover uns centos de libros, din co ela. Unha Star 9 mm Parabellum en perfecto estado de conservación. Metina entre as costas e o pantalón nun acto reflexo —Corrupción en Miami era a serie que todos víamos a finais dos 80— e saín á rúa en busca do meu colega Carlos, cuxo avó fora un represaliado da Guerra Civil.

Cando dei co el, colleu o seu coche e alá fomos, escachar botellas de cristal cunha 9 mm Parabellum, o neto do fascista e o neto do represaliado na Guerra Civil.

De volta do Afastado Oeste ao mundo onde imperan as leis e cos dedos aínda cheirando a pólvora, fun colocar o revolver no seu sitio. Facendo un oco onde metela, atopei un libro que non esperaba encontrar alí. Foi como dar cun gran de ouro entre montañas de grava e pedra. A primeira edición de O atraso económico de Galicia de X.M. Beiras. A pistola deixeina onde estaba pero o libro leveino coa clara intención de non devolvelo xamais.

Moito tempo despois, na folga xeral do 14 de novembro de 2012, vin a Beiras en Vigo. Dirixinme a el para saudalo e darlle parabéns polos resultados acadados con Alternativa Galega de Esquerdas nas eleccións autonómicas. E por suposto, dicirlle que tiña a primeira edición do seu libro e que me gustaría que un día mo asinase.

— Pois pásate polo parlamento un día que haxa pleno e asínocho con moito gusto —contestou.

No 2016, co gallo das eleccións galegas, veu dar un mitin a Ponteareas. Mellor ocasión que esa para levarlle o libro non ía ter. Así que fun ao mitin e a casualidade fixo que o atopase sentado nunha cafetería co candidato á presidencia Luís Villares. Achegueime a el, saudeino e entregueille o libro. Quedoume mirando e dixo:
— De onde sacaches este fósil, rapaz?
— Da biblioteca dun falanxista, que casualmente era o meu avó —dixen.
— Gustáballe ler como pensaba o inimigo, respondeu sorrindo—. E logo que queres que che poña? —preguntou.

Quedei pensando sen saber que dicir porque crin que me ía preguntar cal era o meu nome e escribir o típico: “con cariño para…. de …”.

De súpeto, lembrei a broma que me gastaba a miña avoa cando me chamaba o Señor de Reboreda. Dicía que en aplicación da Lei Sálica, eu son o herdeiro do título nobiliario da Casa dos Reboreda en Redondela.

Foi entón, tras ese recordo, cando aproveitei para preguntarlle.
— Sabes quen era Juan Manuel Pereira de Castro?

Levantou a cabeza sorprendido e exclamou:

— Claro home, non vou saber. O Enviado Extraordinario e Ministro Plenipotenciario no Imperio da China e nos Reinos de Siam e Annam.

Mentres Villares e o resto dos candidatos prestaban atención, Beiras explicou que Pereira de Castro, Señor de Reboreda, fora un político galego amigo do Xeneral Prim e o protagonista da obra de Otero Pedrayo O señorito da Reboraina. Tamén comentou que Prim, antes de ser asasinado, tiña pensado envialo como embaixador ao Afastado Oriente, pero sería Amadeo de Saboya quen o nomearía para aquel cargo diplomático.

E é xusto aquí, neste apunte histórico de Beiras, onde confluén as dúas historias:
Por unha banda, Juan Manuel Pereira de Castro era tío avó do meu bisavó. De feito, a miña avoa regaloume a copia do seu testamento para demostrarme que aquela brincadeira que me gastaba era certa.

Por outra banda, a Beiras os seus adversarios chamábanlle O señorito da Reboraina, o personaxe de Otero Pedrayo, que non era outro que Juan Manuel Pereira de Castro. Alcumárano así en ton de burla, debido ás súas orixes de familia acomodada.

Unha vez que rematou de falar, conteille a broma da miña avoa. Despois deu as últimas caladas ao Benson & Hedges que tiña entre os dedos e, logo de apagalo, escribiu a seguinte dedicatoria para certificar esta casualidade:

Para Xoán,
titular auténtico da Reboraina oteriana, e daquela “O Señorito”, este fósil que ben quixera eu non estivese vixente.

Por un país xusto e próspero.

Con fraternidade republicana galega.

Ponteareas 2016.
XMBeiras

Ao rematar, dirixíndose a todos os que estaban na mesa díxolles:

— Que, pensabades que o vello Beiras non ía ser capaz de facer unha dedicatoria coma esta?

Mestre no CEIP de Salvaterra de Miño.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.